11 de mar. de 2026

A GUARDA

A OMIX da Guarda presenta a súa axenda para esta primavera/verán chea de actividades  

Realizaranse ata 9 obradoiros gratuítos de música, zumba, cerámica, gancho... 

 



Infogauda / A Guarda  

 A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda presenta para esta primavera-verán unha axenda repleta de actividades.   

 En abril arranca a programación de Tardeo, uns obradoiros que se organizan en colaboracións coas asociacións da Guarda. Estes xúntanse cos obradoiros organizados pola OMIX para ter un abril e maio con actividades gratuítas todas as semanas.  

 As persoas veciñas de A Guarda poderán elaborar pezas de barro, de gancho, un ramo seco, boliñas de sementes, unha cúpula de flores secas,... E tamén haberá obradoiros de cianotipia, unha clase de zumba e tamén un obradoiro de percusión.  

 Toda esta oferta de obradoiros busca dar diferentes opcións de ocio na Guarda, con actividades relacionadas co traballo manual, a música e a natureza; e coa posibilidade de descubrir novos pasatempos.  

 A OMIX tamén desenvolve actividades para a infancia. Nas épocas de vacacións escolares poranse en marcha campamentos para a conciliación familiar, tanto en Semana Santa como no verán. Antes do remate do curso, todo o alumnado de infantil e primaria desfrutará dunha nova edición da Festa Miudiña.  

 Ademais, durante o ano estanse desenvolvendo actividades como o obradoiro de teatro en colaboración con FOCO; o programa Eu Saudablemente, e a posta en marcha da Rede Xove.  

 A apertura de inscricións e máis información das actividades irase avisando a través da web e redes do Concello. Ademais, hai dispoñibles axendas físicas na OMIX da Guarda para ter a man todas as datas das próximas actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario