Os responsables do Clinic do Celta visitan o campo municipal da Sangriña para ultimar detalles
• O Concello da Guarda e o Sporting Guardés colaboran co R.C. Celta para a organización deste Clinic en Semana Santa
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Esta mañá, responsables do Clinic do Celta visitaron o campo municipal da Sangriña para ultimar detalles para esta Semana Santa. Por ese motivo, Manuel Gómez, responsable da organización do Clinic, e Fernando Iturbe, responsable de proxecto deportivo Celta360, visitaron as instalacións do campo municipal A Sangriña.
Despois, Manuel Gómez explicoulle ao alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e aos concelleiros Celso Rodríguez Fariñas e Susana Álvarez Castro, como se estiveron desenvolvendo os anteriores Clinics que xa se realizaron na Sangriña e como traballan cos xogadores.
Asemade, os representantes do R.C. Celta agasallaron a Víctor Manuel Lomba González e Marcos Trigo, presidente e coordinador do Sporting Guardés respectivamente, coa camiseta oficial da tempada 2025/2026 do R.C. Celta.
Coa colaboración do Concello da Guarda e do Sporting Guardés, esta actividade permite á rapazada seguir fortalecendo as habilidades futbolísticas, sen esquecer os valores do deporte. Esta nova edición permite aos nenos adestrar, por uns días, como os seus xogadores favoritos.
O Clinic realizarase do luns 30 de marzo ao mércores 1 de abril en horario de 9:30 a 14:00h. Ao remate os participantes recibirán como agasallo a bolsa celtista, camiseta conmemorativa, pulseira e postal do xogador do R.C. Celta. Ademais, farase unha entrega de diplomas e un sorteo de agasallos.
A inscrición xa está aberta para os xogadores desde a categoría prebenxamín ata os infantís e na páxina web do Celta: https://rccelta.es/fundacion/formacion/clinics/.
O prezo é de 89€, pero os xogadores do Sporting Guardés e aqueles que conten co carné celtista contarán cun desconto do 10%, tendo un prezo de 80€.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario