13 de mar. de 2026

A GUARDA

As andainas organizadas polo Concello da Guarda permiten coñecer a paisaxe e historia galegas  

As inscricións abriranse do 16 ao 27 de marzo para as catros rutas que se realizarán entre a primavera e o outono  




Infogauda / A Guarda 

 O Concello da Guarda lanza a actividade das andainas deste 2026. Como é habitual repartiranse entre a primavera e o outono, dando a oportunidade de coñecer as paisaxes e elementos patrimoniais destacados de Galicia.  

 Esta actividade conta con autobús e guías interpretativos, polo que o prezo ascende aos 20 ou 22€, segundo a andaina. As distancias de cada unha rondan dos 10 aos 18 km e con certa dificultade polo desnivel.  

 O calendario de andainas iníciase o 25 de abril cunha ruta que combina o entorno natural protexido e un variado patrimonio entre as aldeas de Cabenca e Cavadosa no concello de Cercedo-Cotobade. En maio sairemos da provincia de Pontevedra, xa que a ruta para o 9 de maio será o roteiro polas fábricas de papel de Lousame (A Coruña) que destaca polo protagonismo do bosque e da auga dos ríos e fervenzas. 

 Antes do remate do verán, o 12 de setembro retómase a actividade percorrendo o sendeiro do río Uma en Ponteareas, onde resaltan os muíños de auga, os bosques de ribeira e a medieval Ponte do Cabalón. Porá fin a esta actividade a ruta polo río Gorgua, en Padrenda, para o 17 de outubro, o que permitirá coñecer a paisaxe outonal do sur da provincia de Ourense.  

 As prazas son limitadas e o prazo de inscrición abrirase do luns 16 ao venres 27 de marzo. O luns 30 informarase ás persoas interesadas da lista de admitidos. Máis información e inscrición na 3ª planta da Casa dos Alonso, a través do correo electrónico turismo@aguarda.es ou no teléfono 986 61 45 46, aínda que se prioriza a inscrición presencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario