11 de feb. de 2026

TOMIÑO

Romper o silencio para salvar vidas  

 A XI Semana da Educación de Tomiño abordou da man do psiquiatra Enric Armengou unha das realidades máis urxentes da adolescencia: as condutas autolesivas e o suicidio  

 Este mércores 11 a cita será coa estrela do rock da filosofía David Pastor Vico. Con entrada de balde  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, nun momento da presentación do psiquiatra Enric Armengou que participou na segunda xornada da XI Semana da Educación 
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Hai realidades incómodas que só empeoran cando se ignoran. Tomiño decidiu miralas de fronte na segunda xornada da XI Semana da Educación, cunha conferencia que apelou á responsabilidade colectiva, á palabra e ao acompañamento como ferramentas clave para a prevención de condutas autolesivas e do suicidio na mocidade. 

 O psiquiatra Enric Armengou pediu romper co silencio nunha charla clara, rigorosa e profundamente humana dirixida a familias, profesorado e profesionais da educación preocupados por unha realidade que xa é a primeira causa de morte por factores externos entre a xente nova, por riba dos accidentes de tráfico, unha cifra que pode evitarse se se actúa a tempo. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou durante a xornada que “cremos que isto non nos afecta, pero cando sabemos que existe e que é a primeira causa de morte entre a mocidade, entendemos ata que punto é un problema que nos interpela como sociedade”. A rexedora destacou a importancia de abrir espazos como a Semana da Educación para “informar, acompañar e dar ferramentas reais ás familias e aos centros educativos”. 

 Ao longo da súa intervención, Enric Armengou insistiu na necesidade de falar, sen medo nin silencios mal entendidos. “As nosas e nosos adolescentes non sempre nos escoitan, pero vennos e óennos. Por iso é tan importante falar, non quedar sen dicir as cousas por medo a dicilas mal”, explicou. O especialista desmontou un dos mitos máis estendidos: “Nunca por preguntarlle a un adolescente se está a pensar no suicidio se lle vai dar a idea. O risco está en non preguntar”. 

 Armengou contextualizou o malestar xuvenil nun marco social marcado pola globalización, o individualismo, a perda de comunidade, a sobreexixencia e a procura constante de pracer inmediato. “Hai moitos mozos e mozas conectados todo o tempo, rodeados de xente, pero que se senten profundamente sos. Hai un malestar que non sempre vemos”, advertiu. Entre os principais factores de risco sinalou a frustración, o medo a defraudar, a desesperanza, a soidade e a presenza de trastornos mentais. 

 O psiquiatra explicou tamén como, cando unha persoa nova non conta con recursos emocionais para afrontar unha crise, poden aparecer síntomas como ansiedade, depresión, trastornos alimentarios, adiccións ou condutas autolesivas. “Cando a dor psicolóxica pesa máis que os vínculos que nos atan á vida, cando o adolescente pensa ‘non importo’ ou ‘son unha carga’, é cando aparece a conduta suicida”, sinalou. 

 Fronte a isto, Armengou deixou unha mensaxe esperanzadora: a prevención é posible. “Só podemos axudar a crecer aos nosos fillos se lles damos recursos, non solucións feitas”, explicou, apostando por fortalecer os vínculos e acompañar sen xuízos ni prexuízos. “O que mellor tece a relación cun adolescente non é satisfacer todas as súas necesidades, senón calmar as súas angustias”. 

 Entre as claves prácticas, destacou a importancia de ser modelos, exercer unha autoridade dialogante, acompañar na diversión creativa, practicar a escoita activa e non ter medo a preguntar cando hai sinais de alarma. “Falar de suicidio non produce un efecto contaxio; se se fala ben, prevén”, concluíu. A XI Semana da Educación de Tomiño continúa así consolidándose como un espazo de reflexión necesario, no que a educación, a saúde mental e o benestar emocional da infancia e da adolescencia ocupan o lugar central. Un lugar onde, como quedou claro nesta segunda xornada, romper o silencio pode marcar a diferenza entre a soidade e a esperanza. 

 A seguinte cita será este mércores 11 ás 19.00 h coa estrela do rock da filosofía David Pastor Vico nunha charla clave para aprender a comunicarnos con nenas, nenos e adolescentes. No auditorio de Goián con entrada libre. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario