A Guarda consolídase como destino turístico coa aposta pola promoción do alcalde Roberto Carrero
• O Monte Santa Trega supera os 125.000 visitantes e as visitas guiadas ao castro establecen un novo récord
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Roberto José Álvarez Carrero, vén de facer pública á seguinte nota de prensa, que reproducimos literalmente:
A Guarda consolídase como vila turística, cunha oferta variada e cada vez máis desestacionalizada. A forte aposta por múltiples actividades e eventos, festas, visitas guiadas, así como o atractivo das nosas paisaxes e patrimonio chamou a atención de miles de turistas no 2025.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, asegura que “os datos son o reflexo dun traballo intenso e ben feito en promoción turística, potenciando as nosos atractivos en feiras especializadas e ofrecendo variedade de actividades na nosa vila”.Actualmente o turismo e o sector servizos representa case o 60% da economía da vila mariñeira.
O Monte Santa Trega segue sendo o noso principal reclamo, rozando os 1.000 buses e os 125.000 visitantes rexistrados (desde o 15 de febreiro e sen contar os luns cuxa visita é gratuíta e non se computa). Destaca o éxito rotundo das visitas guiadas ao castro que superaron as 8.000 persoas.
A oferta da Guarda vai máis aló: as cetáreas, a fortaleza de Santa Cruz, o Museo do Mar, o estuario do Miño ou o porto, onde o éxito das saídas de navegación co Piueiro é rotundo. Tamén houbo eventos que animaron a centos de visitantes como o Festival de Blues, o Galifornia Beat, as nosas Festas do Monte ou as diferentes festas realizadas nas parroquias e barrios (a modo de exemplo: A Guía, S. Caetano, Buxán, Festiña Campusina, etc.)
A Festa da Langosta non para de crecer. De feito, nesta edición aumentouse a carpa ata os 600 comensais e abriuse o venres ao xantar, para dar acollida aos miles de visitantes que pasan pola carpa do porto da Guarda cada primeira fin de semana de xullo.
A Guarda continúa coa tendencia xeral galega con estancias de 1 a 3 días, as “escapadas de fin de semana”, pero que se estenden ata unha ou dúas semanas nos meses de xullo e agosto aproveitando a boa climatoloxía.
O turismo é cada vez máis desestacionalizado en gran parte grazas ao Camiño Portugués pola Costa, que este ano rozou os 90.000 peregrinos. Un total de 4.665 peregrinos aloxáronse no albergue municipal e, moitos outros optaron por aloxamentos turísticos para o seu descanso. Este turismo incrementa notablemente o traballo en restauración e comercio nos meses de primavera e outono.
A Guarda estivo presente coa Casa de Galicia de Sevilla na Feira de Abril e no Encontro das Casas Rexionais, pero tamén acudiu a FITUR e as feiras Santiago FAIRWAY, Forum do Camiño e Miranda Jacobea co gallo de impulsar o Camiño Portugués pola Costa.
O encanto da nosa vila deixa pegada en quen nos visita. Como mostra, A Guarda foi elixida a vila máis acolledora de Galicia nos Traveller Review Awards 2025 e foi a representante galega do concurso de Ferrero Rocher, pasando á fase dos 5 finalistas.
“Desde o comezo, dixemos que a aposta deste goberno era o turismo”, afirma Roberto Carrero, “e continuaremos traballando para conseguir un turismo sostible e de calidade”.“A Guarda, cos datos que manexamos: visitas ao Monte Sta. Trega, Festas Turísticas, Camiño de Santiago, etc., consolidan A Guarda como un dos lugares máis visitados de toda Galicia despois da Catedral de Santiago de Compostela”.
O 2026 promete ser un gran ano para o sector turístico guardés. A película “Rondallas” xa levou a máis de 240.000 espectadores o encanto da nosa vila mariñeira e foi a protagonista do tótem que daba a benvida aos visitantes de FITUR 2026, onde se produciron encontros, presentacións e reunións con xentes e profesionais do sector.

Ningún comentario:
Publicar un comentario