Creatividade para vestir a lingua no Día das Letras Galegas de Tomiño
• O Concello convoca unha nova edición do concurso de deseño de camisetas para conmemorar o 17 de maio e abre o prazo de presentación de propostas ata o 9 de maio ás 09.00 h
Infogauda / Tomiño
A lingua tamén se leva posta. O Concello de Tomiño vén de convocar unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas 2026, unha iniciativa que combina enxeño, participación e compromiso coa promoción do galego.
O certame busca o deseño dunha camiseta cunha soa cor para estampar sobre fondo branco, situada unicamente na parte dianteira. As propostas poderán consistir nunha frase e/ou nun deseño gráfico dixitalizado relacionado coa lingua galega. Valorarase especialmente que o traballo sexa atractivo, inspirado e que transmita unha mensaxe clara a favor do galego.
O deseño máis votado será serigrafiado en máis de 900 camisetas que se repartirán de balde o 17 de maio durante a celebración do Día das Letras Galegas. Ademais, todas as persoas participantes recibirán unha camiseta co modelo gañador, e o autor ou autora da proposta seleccionada contará con difusión nos medios de comunicación e nas redes sociais municipais. As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 9 de maio ás 09.00 h enviando un correo a omix@tomino.gal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este concurso é unha maneira diferente e participativa de celebrar o Día das Letras Galegas, implicando á veciñanza na creación dun símbolo común arredor da nosa lingua. Queremos que o galego estea presente no día a día, nas rúas, nos centros educativos, nas asociacións… e tamén nas camisetas que vestiremos con orgullo”.
O Concello de Tomiño anima a toda a veciñanza a presentar propostas creativas que promovan o uso e normalización do galego en todos os ámbitos e reafirma o seu compromiso coa dinamización lingüística e coa participación cidadá, convertendo a creatividade nunha ferramenta máis para fortalecer e visibilizar o uso da lingua galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario