20 de feb. de 2026

TOMIÑO

Tomiño activa a súa cuarta axenda de actividades saudables para poñer en forma corpo e mente  

   O Concello reforza o programa de Impacto Saudable cunha oferta gratuíta e diversa que promove o envellecemento activo, o exercicio físico e os hábitos de vida saudables  




Infogauda / Tomiño  

 Manter corpo e mente activos para gañar en calidade de vida. Ese é o obxectivo da cuarta edición da súa axenda Impacto Saudable, unha iniciativa pioneira do Concello de Tomiño que ofrece unha programación variada e de balde co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas adultas e maiores. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “esta axenda é unha aposta clara por un modelo de concello que coida da súa xente, que entende a saúde de maneira integral e que promove hábitos activos ao longo de toda a vida”. A rexedora destacou tamén que, con esta completa axenda de actividades saudables, “non falamos só de forma física, senón tamén de benestar emocional, social e comunitario”. 

Novas actividades 

 Entre as propostas xa en marcha atópase o programa Reactívate en Tomiño e nas parroquias’, dirixido a persoas maiores de 55 anos. Trátase dunha iniciativa de envellecemento activo que cada ano suma participación e éxito, con sesións que combinan actividade física con estimulación cognitiva e psicolóxica. Actualmente desenvólvese en Tomiño e nas parroquias de Barrantes, Sobrada e Tebra. 

 Tamén xa están en marcha as andainas saudables, que cada xoves parten ás 09.30 horas desde o Centro de Saúde de Tomiño. Guiadas por unha fisioterapeuta da Asociación Vontade, estas camiñadas abertas a todas as idades inclúen exercicios de forza, equilibrio e estiramentos, promovendo unha práctica segura e adaptada. Esta programación complétase ademais con catro novas actividades como o curso de iniciación ao tai chi, que se impartirá na Casa Salgosa todos os martes dende o 3 o 31 de marzo de 20.00 a 21.00 horas. Con prazas limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través da web municipal. 

 Nesta nova edición poderase participar tamén no obradoiro de xabóns naturais e saudables, que será todos os xoves dende o 9 de abril ao 28 de maio de 19.00 a 21.00 horas na OMIX de Tomiño, tamén con prazas limitadas e inscricións na web. O obradoiro de cociña saudable con allo negro chegará ao Mercado de Tomiño o sábado 18 de abril de 10.00 a 12.30 horas, de balde con prazas limitadas e inscricións na web municipal. 

 Volve ademais a marcha Nórdica, con sesións que se celebrarán os días 9, 10, 23 e 24 de maio e 6 e 7 de xuño dende as 10.00 horas nas pistas do Mosteiro. Esta actividade tamén contará con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse no formulario habilitado na web do Concello.  

 A axenda Impacto Saudable enmárcase no compromiso do Concello co Plan 2 Millóns, impulsado polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que busca que dous millóns de galegos leven un estilo de vida activo antes de 2030. Ademais, as actividades están cofinanciadas ao abeiro das axudas ás entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables, dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).

Ningún comentario:

Publicar un comentario