A CIG-Correos alerta de que a unidade de reparto de Redondela atópase ao borde do colapso
• Denuncia que unicamente conta con 12 persoas para dar servizo a tres concellos
Infogauda / Redondela
A CIG-Correos alertou hoxe de que a unidade de reparto de Redondela atópase ao borde do colapso por falta de persoal, xa das 21 prazas só están cubertas 12, que se teñen que encargar de darlle cobertura a tres localidades na quenda de mañá (Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes) e catro na de tarde (ao engadirse Soutomaior).
Esta situación está a provocar unha total desorganización do servizo, tendo en conta que o persoal efectivo ten que andar cada día “dando saltos” para tratar de atender o reparto, “polo que a calidade do servizo que se lle presta á cidadanía é cada día peor”.
Dende a central sindical inciden na obriga da sociedade pública de cumprir coa legalidade en canto a prazos de reparto e días de entrega que establece a lei postal. “Hai notificacións administrativas, citas xudiciais e outros envíos como citas médicas que están a chegar fora de prazo nalgúns casos como consecuencia do deterioro deste servizo público”, critican.
Por outra parte, a falta de persoal provoca tamén unha situación de tensión e de estrés entre as persoas traballadoras que ten como consecuencia o aumento de accidentes laborais e de baixas por ansiedade, problemática que a CIG leva tempo denunciando diante da Inspección de Traballo ao constituír unha “clara vulneración” da lei de prevención e seguridade laboral.
“Non se trata tan só da cantidade de carga de traballo, senón da incerteza xerada cada día no desenvolvemento do mesmo, da desorganización, da dispersión territorial á hora de levar a cabo o servizo e do sometemento á novidade constante”, detallan.
Finalmente, lembran que esta política de recorte de persoal e de ausencias que non se cobren por parte da empresa “vai en aumento e está sendo xeneralizada”, provocando un “grave prexuízo” para a cidadanía a un clima de tensión laboral “cada día máis insoportable”.
%20(1).jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario