26 de feb. de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO desenvolve formacións en centros educativos da provincia 

 Para previr a violencia de xénero entre a mocidade 


A formación, baixo o título “Construíndo relacións afectivo-sexuais para a prevención da violencia de xénero”, foi impartida no CIFP Xunqueira, no IES Faro das Lúas, no IES A Basella, no IES Francisco Asorey e no IES Armando Cotarelo Valledor
Foto: FEMUPO

Raquel Touriño / Pontevedra  

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), a través do programa FemupoPretoDeTi, desenvolveu durante o mes de febreiro novas accións formativas en distintos centros educativos da provincia co obxectivo de promover relacións afectivo-sexuais saudables e previr a violencia de xénero en idades temperás.  

 A formación, baixo o título “Construíndo relacións afectivo-sexuais para a prevención da violencia de xénero”, foi impartida no CIFP Xunqueira, no IES Faro das Lúas, no IES A Basella, no IES Francisco Asorey e no IES Armando Cotarelo Valledor, contando cunha participación activa do alumnado e coa colaboración dos equipos directivos.  

 As sesións tiveron como finalidade dotar á mocidade de ferramentas para identificar condutas de control, celos, dependencia emocional e outras manifestacións de violencia nas primeiras relacións, traballando aspectos como os mitos do amor romántico, a influencia das redes sociais, a detección temperá de sinais de violencia e a importancia do respecto, da igualdade e da corresponsabilidade emocional.  

 O programa FemupoPretoDeTi está enmarcado no Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), para o desenvolvemento de actuacións de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero incluídas no proxecto Mulleres en Construción 5.0.  

 Estas accións están financiadas pola Consellería de Política Social e Igualdade con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, impulsado polo Ministerio de Igualdade.  

 Desde FEMUPO reafírmase o compromiso coa prevención da violencia de xénero a través da educación e da sensibilización, entendendo que o traballo coa mocidade constitúe unha ferramenta esencial para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario