25 de feb. de 2026

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia salienta o atractivo turístico do novo festival Petra Rosa, que levará a Pablo López, Antonio Orozco ou Sergio Dalma ás canteiras do Porriño en xuño 

 O director de Turismo de Galicia participou na presentación deste evento que se celebrará nas canteiras da localidade e permitirá redescobrir este enclave singular da comarca


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación do novo festival Petra Rosa
Foto: X.G.

Infogauda / O Porriño

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación do novo festival Petra Rosa, que se celebrará o vindeiro mes de xuño coa intención de converterse en “referente musical e patrimonial da comarca”, expresou. A primeira edición celebrarase os días 25, 26, 27 e 28 de xuño, e empregará as canteiras de O Porriño como escenario principal co fin de poñer en valor un espazo histórico e singular para a localidade. 

 Como explicou Xosé Merelles durante a presentación, o festival nace nun momento especialmente estratéxico para este tipo de eventos desde o punto de vista turístico xa que, como indicou, “os eventos musicais consolídanse como  unha das ferramentas máis eficaces para a dinamización económica e turística dos territorios”. Neste sentido, fixo mención aos máis de 4 millóns de asistentes que tiveron os Concertos do Xacobeo, desde o lanzamento da marca “cun impacto directo sobre o comercio local, a hostalería e o sector cultural que esperamos que tamén poida ter este novo festival”, expresou.  

 “Só na edición de 2025, máis de 1,5 millóns de persoas participaron en máis de 180 eventos musicais distribuídos por todo o territorio galego, cunha inversión de 17,5 millóns de euros. A provincia de Pontevedra, con 52 eventos, foi un dos territorios máis beneficiados, con presenza en concellos como Vigo, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa ou o propio Porriño, entre outros moitos”, engadiu o director de Turismo de Galicia.  

 Neste sentido, agradeceu ao Concello e aos promotores o seu traballo por incluír a O Porriño nesta estratexia de festivais e grandes eventos musicais con vocación de converterse nun “evento singular” cun cartel que combinará artistas de proxección nacional como Pablo López, Antonio Orozco ou Sergio Dalma con nomes emerxentes da comarca do Baixo Miño, vinculando a industria musical consolidada co talento local.   

 Petra Rosa ten tamén un carácter singular da man do granito do Porriño, o seu símbolo máis potente polo que, como se indicou na presentación, a elección das canteiras como espazo de celebración é un dos elementos máis diferenciadores da proposta. De feito, a organización do festival convida á veciñanza e aos visitantes a redescubrir un enclave que forma parte da identidade da comarca e que, grazas a Petra Rosa, abrirá as súas portas a miles de persoas chegadas de toda Galicia e de fóra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario