25 de feb. de 2026

PONTEVEDRA

Contra a violencia sexual e de xénero   

Abel Losada felicita ao Colexio de Farmacia por ter logrado xa a apertura de 62 puntos violeta na provincia  

“As farmacias son espazos de confianza, atendidos por profesionais da saúde, en gran parte mulleres, e cunha ampla rede rural, polo que son “refuxios” idóneos para que as mulleres poidan pedir axuda”  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou ao Colexio de Farmacia da provincia de Pontevedra por ter formalizado xa os primeiros 62 puntos violeta no territorio

Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou ao Colexio de Farmacia da provincia de Pontevedra por ter formalizado xa os primeiros 62 puntos violeta no territorio no marco do convenio coa Subdelegación do Goberno, acordado a finais do pasado ano, para a extensión destes espazos informativo nas boticas. 

 A presidenta do Colexio Provincial, Beatriz García, vén de dar conta á Subdelegación que tralas sesións de formación impartidas polas comarcas da provincia estes 62 espazos seguros, onde as mulleres poden atopar información sobre os recursos policiais e asistenciais dispoñibles diante dunha situación de violencia sexual ou violencia de xénero, xa están operativos. 

 “Que dispoñamos xa desta auténtica rede capilar de apoio ás mulleres por toda a provincia, facéndoa ademais permeable ao territorio rural onde os recursos empre son máis escasos, paréceme un salto cualitativo e isto é mérito fundamentalmente do colectivo de farmacéuticas e farmacéuticos desta provincia, que deron un paso adiante”, afirma o subdelegado do Goberno. 

 “As farmacias son espazos de confianza, atendidos por profesionais da saúde, en gran parte mulleres, e cunha ampla presencia no rural, polo que son, en certa medida, refuxios dende os que as mulleres poden demandar axuda cando están nunha situación difícil, simplemente polo feito de ser mulleres”, engade. 

 O Colexio de Farmacia confirma que as boticas repártense por todas as comarcas. Deste xeito, 5 están situadas na comarca de Caldas de Reis (Ullán), 7 no Morrazo, 12 en Arousa-Salnés, 9 no Baixo Miño, 6 no Deza, 5 en Tabeirós-Terra de Montes, 7 na cidade de Pontevedra e 11 en Vigo. 

 Beatriz García explicou que as sesións de presentación e formación que se teñen realizado xa nestas comarcas teñen dado os seus froitos e case tódolos días hai novas incorporacións, de tal xeito que na última semana incorporáronse catro. A este respecto tan só falta a sesión formativa específica das comarcas do Condado e A Paradanta. Nestas sesións toman parte a xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez, equipos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que están a cargo do sistema VioGén, así como persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), a directora do Centro de Crise 24 horas do hospital Álvaro Cunqueiro (referencia sanitaria provincial para violencias sexuais e machistas) e persoal farmacéutico de atención primaria e comunitaria. De tódolos xeitos, engadiu, a sesión formativa está dispoñible online na web do Colexio. 

 En España hai actualmente unhas 6.000 oficinas de farmacia constituídas como puntos violeta, pero esta iniciativa, que noutras comunidades desenvolveuse a nivel autonómico, non tiña chegado a Galicia. A provincia de Pontevedra é así a primeira en dar cumprimento ás previsións do convenio asinado en 2021 entre o Ministerio de Igualdade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacia de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario