16 de feb. de 2026

O ROSAL

O Rosal reabre a súa Escola de Saúde    

 O Concello pon en marcha a segunda edición deste programa pioneiro con catro novas charlas gratuítas para promover o benestar entre a veciñanza  




Infogauda / O Rosal 

 A saúde comeza coa prevención e con información clara, accesible e compartida. Con esta filosofía, o Concello do Rosal abre a segunda edición da súa Escola da Saúde, unha iniciativa pioneira que regresa ao municipio para achegar á veciñanza coñecemento útil sobre cuestións que forman parte da vida cotiá e do benestar integral. 




 O programa comezará o vindeiro venres, 20 de febreiro da man de Alba Portabales Goberna,  traballadora social do Centro de Saúde do Rosal, que abordará co público o documento de instrucións previas, o que antes era coñecido como testamento vital. A sesión, ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente, será de balde e con entrada libre ata completar a cabida. 

 A charla supón o inicio dun ciclo de catro encontros, un por mes, que abordarán distintas temáticas de interese para a poboación. Así, o sábado 21 de marzo Ismael González falará das hormonas femininas e a regulación do feminismo, para dar paso a unha charla sobre tai chi chuan e os seus beneficios físicos e mentais no venres 24 de abril con María Urrutia e pechar aproximándose ao dano cerebral adquirido o martes 12 de maio coa Asociación Dano Cerebral Galicia.  

 A Escola da Saúde nace coa vontade de falar de saúde dun xeito próximo, comprensible e sen tecnicismos, creando un espazo divulgativo que responde á crecente demanda da cidadanía por contar con información fiable e práctica. As charlas estarán adaptadas tamén aos intereses e necesidades que vaian expresando as propias rosaleiras e rosaleiros, convertendo o programa nun espazo vivo e en constante evolución. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “esta iniciativa ten un enorme valor estratéxico porque nos permite construír unha vila máis saudable e consciente. A Escola da Saúde é un espazo de aprendizaxe e diálogo que axuda a comprender mellor os procesos vitais polos que pasamos e a tomar decisións informadas”. A rexedora subliñou ademais que “supón un paso máis no noso compromiso coa calidade de vida e co benestar integral da veciñanza”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, puxo en valor o carácter aberto e participativo do proxecto. “Non falamos só de charlas, senón dun espazo no que a xente pode preguntar, compartir inquietudes e atopar ferramentas prácticas. Queremos que a Escola da Saúde dea voz aos temas que realmente preocupan á nosa comunidade”, sinalou. 

 A posta en marcha desta segunda edición da Escola da Saúde encádrase na adhesión do Rosal á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias en colaboración co Ministerio de Sanidade que promove políticas locais orientadas á saúde, á cohesión social e ao benestar comunitario, seguindo os principios de Healthy Cities da Organización Mundial da Saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario