14 de feb. de 2026

VAL MIÑOR

A Deputación de Pontevedra avanza en Granada na posta en marcha de “A cidade dos 15 minutos” do Val Miñor, financiada con 4,4 millóns de euros de fondos europeos 

 O deputado Javier Tourís asistiu á xornada da Red de Iniciativas Urbanas (RIU) sobre os Plan EDIL tras manter un encontro institucional con responsables de Fondos Europeos da Deputación de Granada


O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís - 2º pola der. -, participou en Armilla (Granada), nun encontro de traballo vinculado á posta en marcha do “Plan de Actuación Integrado (PAI) do Val Miñor. A cidade dos 15 minutos”

Foto: D.PO.

Infogauda / Val Miñor

 O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, participou en Armilla (Granada), nun encontro de traballo vinculado á posta en marcha do “Plan de Actuación Integrado (PAI) do Val Miñor. A cidade dos 15 minutos”, unha actuación estratéxica liderada pola Deputación de Pontevedra que contará cun investimento público de máis de 7,2 millóns de euros, dos que preto de 4,4 millóns proceden de fondos europeos FEDER, concedidos no marco do Plan EDIL para o desenvolvemento urbano sostible.  

 O encontro, organizado pola Rede de Iniciativas Urbanas, reuniu ás entidades beneficiarias destas axudas europeas co obxectivo de avanzar no despregamento dos Plans EDIL, compartir boas prácticas e reforzar a coordinación institucional para garantir a correcta execución dos proxectos. No primeiro día tivo lugar a recepción institucional ás entidades locais participantes, na que Tourís, acompañado da directora de Proxectos Europeos, Susana Fernández, e do xefe do servizo de Cooperación, Marcos Areán, mantivo un encontro de traballo con Antonio Díaz, deputado de Fondos Europeos da Deputación de Granada, e con José Mateos, director de Fondos Europeos, coincidindo coa apertura das xornadas.  

 Xa na xornada central, o deputado provincial asistiu a diversas mesas redondas e conferencias nas que se abordaron cuestións prácticas relacionadas coa planificación e execución dos Plans de Actuación Integrados, o seguimento das operacións, a xestión e certificación do gasto e a coordinación co Ministerio de Facenda e coa Comisión Europea, aspectos clave para garantir que os proxectos financiados con fondos europeos se desenvolvan con eficacia e dentro dos prazos establecidos.  

 Tourís destacou que se trata dun “encontro clave para avanzar no despregamento dos Plans EDIL e seguir impulsando proxectos que melloran os concellos e o benestar da provincia”, e sinalou que “estamos ante un proxecto estratéxico para o Val Miñor, que nos permite avanzar cara a un modelo de territorio máis próximo e pensado para as necesidades reais da veciñanza”. O deputado subliñou tamén que a participación nestes espazos de coordinación “é fundamental para que os fondos europeos se traduzan en actuacións concretas e útiles para a cidadanía”.  

 O PAI do Val Miñor busca transformar a comarca, concretamente os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, nun territorio máis sostible, accesible e conectado, onde os servizos e as necesidades básicas estean ao alcance da veciñanza a menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta. O plan foi valorado como a mellor proposta en Galicia na súa categoría no marco do EDIL e estrutúrase arredor de cinco piares de actuación: mellora da mobilidade, protección ambiental, recuperación do patrimonio cultural, mellora dos equipamentos e humanización do espazo público. Entre as actuacións previstas figuran a creación de sendas peonís e ciclistas, a recuperación de espazos públicos, a rexeneración ambiental e a dinamización de áreas socioculturais e de servizo, co fin de elevar a calidade de vida da poboación en toda a comarca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario