11 de feb. de 2026

A GUARDA

O alcalde da Guarda aposta polo deporte co fin do Gran Camiño na nosa vila  

A última etapa dará comezo no concello das Neves e rematará na Guarda

  

O venres presentouse oficialmente todo o percorrido e as novidades da proba ciclista O Gran Camiño

Redacción / A Guarda

 O equipo de goberno do Concello de A Guarda, fixo pública no día de hoxe, mércores, 11 de febreiro de 2026, á seguinte nota de prensa que reproducimos literalmente:

 O venres presentouse oficialmente todo o percorrido e as novidades da proba ciclista O Gran Camiño, que terá o seu gran final na Guarda.   

 Este ano, O Gran Camiño será do 14 ao 18 de abril; cunha última xornada que manterá a emoción ata o último minuto no alto do Monte Trega da Guarda. A proba comezará cunha contrarreloxo na Coruña e seguirá coas etapas Vilalba-Barreiros, Carballo-Padrón e Xinzo de Limia-Xunqueira de Espadanedo.  

 A quinta etapa, a etapa final, sairá desde As Neves para percorrer máis de 170 quilómetros ata chegar á Guarda. Neste caso, o pelotón pasará polos concellos de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño, e realizará unha dobre subida ao Alto da Portela (2ª) para finalizar no Monte de Santa Trega (2ª).   

 Á espera de pechar a nómina de equipos e grandes corredores que estarán en Galicia, a organización xa confirmou estarán os dous mellores equipos do mundo: o Visma Lease a Bike e o UAE Team.  

 Por iso mesmo, é unha proba que supón un “gran escaparate internacional” de Galicia e na que o seguimento das etapas permite, ademais de gozar deste deporte, “dar a coñecer en todo o mundo as paisaxes, o patrimonio e a identidade cultural de Galicia a milleiros de espectadores”, segunda a propia organización.  

 Na anterior edición xa contou con máis de 4,3 millóns de espectadores en Europa a través da súa retransmisión en canles como MAX e Eurosport e sendo líderes de audiencia na TVG.  

 Este ano o percorrido promete grandes imaxes e emocións de comezo a fin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario