A Casa da Cultura toma forma para ser o corazón cultural e social de Tomiño
• Cun investimento de 1,3 millóns de euros, as obras entran na recta final e o espazo reabrirá en primavera cun equipamento moderno, sostible, eficiente e cohesionado
Infogauda / Tomiño
A Casa da Cultura de Tomiño avanza a bo ritmo na súa transformación e afronta a fase decisiva para abrir de novo as súas portas na primavera convertida nun espazo moderno, accesible e multifuncional preparado para acoller a vida cultural e social do municipio.
A actuación, cun investimento total de 1,3 millóns de euros financiados con fondos da Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030, enmárcase no proxecto posto en marcha polo Concello ‘Integra Tomiño’, unha iniciativa estratéxica que busca conectar os distintos equipamentos municipais a través dun espazo público cohesionado, favorecendo os desprazamentos a pé e en bicicleta e apostando por unha mobilidade máis segura e sostible.
Neste camiño, a reforma da Casa da Cultura complétase coa humanización da contorna urbana complementando a remodelación xa executada na rúa República Arxentina, onde se creou unha senda peonil e ciclable duns 650 metros, que enlaza a contorna do IES Antón Alonso Ríos cos principais equipamentos do Seixo. Esta remodelación abrangue a zona diante do edificio de Benestar Social e a vía posterior da Casa da Cultura ata o Centro de Día, afondando na creación dese espazo público máis amable, conectado e funcional.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o noso obxectivo é que a Casa da Cultura sexa moito máis ca un edificio reformado: queremos que se converta nun verdadeiro punto de encontro para a veciñanza, un lugar vivo, aberto á creación, á participación e á convivencia. É unha intervención que responde a unha visión de vila pensada para as persoas, na que a cultura, o benestar e a cohesión social van da man”.
O proxecto pon un especial acento na sostibilidade, coa rehabilitación enerxética integral do inmoble, que permitirá mellorar a eficiencia, reducir consumos e diminuír a pegada ambiental. “Estamos a construír un Tomiño pensado para as persoas. Non se trata só de renovar un espazo cultural, senón de avanzar cara a un modelo de Tomiño máis amable para a veciñanza e responsable co medio ambiente”, explicou a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario