2 de feb. de 2026

A GUARDA

Nova charla do ciclo “Charla nos Bares” na Guarda dedicada ao primeiro poboamento humano de Galicia 

  Terá lugar na Cafetería Celtic - na rúa do Porto, da Guarda -, este venres, 6 de febreiro ás 20.00 horas. Entrada libre ata completar a cabida




Infogauda / A Guarda

 A Comunidade de Montes da Guarda continúa coa programación do ciclo divulgativo “Charla nos Bares” cunha nova proposta centrada na arqueoloxía e na orixe da presenza humana no noso territorio. 

 A charla, titulada “O primeiro poboamento humano de Galicia: datos actuais para unha síntese”, correrá a cargo do arqueólogo Eduardo Méndez Quintas e terá lugar na Cafetería Celtic - na rúa do Porto, da Guarda -, este venres, 6 de febreiro ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar a cabida. 

 Esta sesión permitirá achegar ao público xeral os coñecementos máis recentes sobre as primeiras ocupacións humanas en Galicia, a partir das investigacións arqueolóxicas desenvolvidas nas últimas décadas. O formato próximo e informal do ciclo busca fomentar o diálogo directo entre a comunidade científica e a veciñanza, trasladando a investigación ao espazo cotián dos bares como lugar de encontro e intercambio de ideas. 

 A iniciativa enmárcase dentro das accións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda para a divulgación do patrimonio histórico e cultural, reforzando o vínculo entre a investigación arqueolóxica e o territorio

Eduardo Méndez Quintas

 Eduardo Méndez Quintas é arqueólogo e investigador especializado no Paleolítico inferior e medio, cunha traxectoria científica de proxección internacional no estudo das primeiras ocupacións humanas e da tecnoloxía lítica. Conta cunha ampla produción científica publicada en revistas de alto impacto e os seus traballos acumulan centos de citas en bases de datos académicas, sendo unha referencia nos debates actuais sobre a evolución humana e a dispersión das primeiras tecnoloxías. Participa e lidera proxectos de investigación en xacementos clave da Península Ibérica e África, contribuíndo de maneira decisiva á proxección da investigación arqueolóxica galega no ámbito internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario