15 de xan. de 2026

TURISMO

Luis López desvela a provincia do deporte como o eixo central da campaña de promoción das Rías Baixas, un destino para “conectar, desconectar e reconectar” 

 O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; e o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, estrea por segundo ano seguido a campaña de Turismo Rías Baixas na provincia, no Pazo Los Escudos, de Vigo


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a nova campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas para o presente ano 2026 centrada por primeira vez no turismo deportivo
Fotos: D.PO.
 A actriz viguesa Marta Larralde foi a encargada de conducir unha gala

Infogauda / Vigo

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a nova campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas para o presente ano 2026 centrada por primeira vez no turismo deportivo. Baixo o lema, “A túa meta, o teu destino”, os 61 concellos da provincia amósanse como un auténtico polideportivo ao aire libre no que tanto afeccionados como profesionais do deporte poden desfrutar de calquera tipo de actividade física en solitario, en equipo ou en familia os 365 días do ano nunha contorna natural excepcional. “O deporte é un aliado clave para desestacionalizar o turismo, reforzar a súa calidade e excelencia, e evitar multitudes”, afirmou no Pazo Los Escudos, de Vigo o mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; e deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; membros do goberno provincial e representantes do sector turístico na provincia.  

 Por segundo ano consecutivo, o goberno provincial elixiu a propia provincia de Pontevedra para estrear a campaña de Turismo Rías Baixas. En lugar de facelo en Fitur, como acontecía con anterioridade e a onde chegará a vindeira semana, a Deputación fíxoo deu a coñecer esta novidosa campaña na casa e dun xeito rompedor, como se dun verdadeiro evento deportivo se tratara. Luis López presentou o destino Rías Baixas como unha carreira na que hai unha saída, un percorrido, unha data, un equipo, participantes inscritos e unha organización.  

 “Esa carreira é Rías Baixas. Un camiño para desconectar da rutina, unha porta para conectar co mellor que temos e unha  invitación a reconectar coa nosa esencia. Rías Baixas é todo. Hai Rías Baixas para camiñar, para correr, para pedalear, para nadar, para navegar, para mergullar, para explorar, para descubrir, para saborear, para degustar, para visitar, para volver, para repetir. Hai Baixas para todos. Porque dá igual cando e por que razóns veñas, Rías Baixas é a túa meta, o teu destino. Ese é o lema da campaña de 2026, que nos acompañará durante todo o ano”, anunciou o dirixente provincial sacando unha bufanda co nome das Rías Baixas para que a luzan todos os afeccionados a este equipo.  

Rías Baixas, destino líder en Galicia  

 A actriz viguesa Marta Larralde foi a encargada de conducir unha gala na que se proxectaron dúas pezas audiovisuais, unha na que deportistas de diversas disciplinas presentaron a provincia como un escenario único para a práctica deportiva; e outro, o vídeo oficial da campaña de Turismo Rías Baixas, que presenta a provincia como un espazo natural incomparable para desfrutar do deporte. Un acto no que tamén foi protagonista a deputada de Deporte, Luisa Sánchez, que conversou sobre a cultura deportiva da cidadanía da provincia coa presidenta do club de ximnasia rítmica Maniotas, Paula García. “Temos moitas axudas para deportistas, entre elas unha axuda á formación de mulleres en postos de adestradoras e árbitras para impulsar a igualdade e o liderado feminino no deporte; e acollemos máis de  500 eventos ao ano, por exemplo este ano imos ser unha das sedes da copa mundial de natación artística, do Gran Camiño ou das finais das series mundiais de tríatlon, que traerán moitísimo turismo de calidade”, salientou a vicepresidenta.  

 O evento contou tamén cunha charla entre o deputado de Turismo Jesús Vázquez Almuíña e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia sobre a pegada do turismo na provincia e o papel dinamizador do deporte para este sector nas Rías Baixas. “O 2025 foi un ano moi bo. Fomos líderes en ocupación hoteleira en Galicia, estamos nos dez mellores destinos da España verde e incrementamos os visitantes estranxeiros, que xa están arredor do 25 e 50 % do total”, contextualizou o responsable provincial de turismo, que ve no deporte unha oportunidade estratéxica para o crecemento sustentable do sector.  

 “O deporte é a porta de entrada, pero o importante é o que damos, que é unha ampla carta de servizos para a xente”, sinalou. Neste sentido, tamén defende a provincia como un destino apto para profesionais e afeccionados. “En turismo deportivo témolo todo, queremos promocionar grandes eventos deportivos que tiran da entrada de visitantes e, por outro lado, os que practican a vida activa veñen visitarnos porque temos de todo; condicións naturais, climatoloxía e gastronomía”, enumerou Vázquez Almuíña. Pola súa banda, Cesáreo Pardal recoñeceu que “é unha valentía apostar por estas iniciativas, que redundan nos establecementos, tanto hoteis como restaurantes” e destacou que o turismo deportivo xera 8.600 millóns de euros en España.  

 O encargado de pechar o acto foi o presidente da Deputación, Luis López, quen recoñeceu tamén a súa paixón polo deporte. “Cada un de xaneiro, nada máis rematan as badaladas, eu xa me deito pensando no plan do día seguinte: facer deporte”, confesou o dirixente antes de detallar os seus percorridos habituais, que son a subida ao Monte Xiabre en Vilagarcía, unha carreira desde Cambados ata a Illa de Arousa acompañando ao presidente Alfonso Rueda, unha ruta ciclista polo Salnés ata o mosteiro da Armenteira, “a catedral do Salnés”; ou un percorrido polos concellos do Deza.  

 O presidente provincial quixo saírse do guión habitual para falar da pegada do turismo na provincia. En lugar de salientar os preto dous millóns de visitantes que rexistra cada ano as Rías Baixas, do aumento de visitantes estranxeiros que se sitúa xa no 40 % do total ou dun sector que achega o 14 % do PIB da provincia; Luis López presentou a campaña turística de Rías Baixas como unha carreira. “Unha carreira que iniciamos nun emblema do destino como é Vigo, co paraíso das Illas Atlánticas, refuxio de visitantes, orgullo para a veciñanza e un templo ca cultura cando reabramos o Cine Fraga”, subliñou. Un percorrido que se ramifica por toda a provincia: “sube [ao monte] Santa Trega, cruza as praias do Morrazo, pasa polos viñedos do Salnés, adéntrase en Pontevedra e ascende ata o Deza. Un percorrido coloreado pola camelia, enchoupado pola auda de rías e ríos e custodiado pola historia dos castelos de Sobroso e Soutomaior”, engadiu.  

O turismo deportivo garante a sustentabilidade  

 Toda carreira debe ter unha data e “a mellor son os 365 días do ano”, asegurou López citando o inverno polo o cocido de Lalín, o outono pola vendima do Rosal ou o termalismo de Cuntis, Caldas e mondariz; a primavera polas maceiras en flor da Estrada ou o verán, “no que todo é cor e alegría”. O equipo tamén é excepcional. “Temos as estrelas dos chef Michelin e dos empresarios e hostaleiros que nos fan ser a provincia con máis selos de calidade SICTED de toda España, temos as lendas dos que erguedes en todo o mundo a bandeira das Rías Baixas e temos un equipo dun millón de anfitrións. Cada un do millón de habitantes que tira desta provincia é sinónimo de hospitalidade, excelencia e calidade. Eles, e o seu benestar, son a nosa prioridade”, remarcou. Unha atención á veciñanza que vai da man da posta en valor do turismo. “Nesta carreira na que todo o mundo quere participar, quero enviar unha mensaxe clara. Comprendo as molestias das masificacións puntuais,  pero nun mundo cada vez máis polarizado e illado, nas En Rías Baixas non cabe a turismofobia”, afirmou López.  

 Finalmente, o presidente provincial destacou tamén o papel da Deputación como dinamizador dun turismo que ten no deporte unha oportunidade para o crecemento sustentable, a descentralización, a desestacionalización e un instrumento para afrontar o reto demográfico. Investimos este ano 7 M (+ 17%), fomos pioneiros en activar unha liña de axudas para apoiar eventos deportivos con repercusión turística, estamos ultimando a Rias Baixas Sports Comission para atraer aínda máis eventos tractores e, sobre todo, somos conscientes de que o deporte é un aliado clave para desestacionalizar o turismo, reforzar a súa calidade e excelencia, e evitar multitudes”.  

 Para pechar o acto de presentación desta rompedora campaña, o presidente provincial desvelou o lema da mesma: “O obxectivo último é redescubrir este territorio como se un fóra turista. Vivilo como se un fóra veciño. As Rías Baixas o é todo. Desconectando, conectando e reconectando xuntos. Lembrádeo: Rías Baixas, a túa meta, o teu destino”, concluíu Luis López.  

 O vídeo promocional da campaña “A túa meta, o teu destino”, impulsado pola Deputación e Turismo Rías Baixas está dispoñible para a súa visualización nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario