O Punto Limpo Móbil de Tomiño arranca a súa ruta polas parroquias
• Comezou esta semana diante do IES Antón Alonso Ríos. Este novo servizo do Concello facilitará a recollida de residuos especiais de forma cómoda e segura
Infogauda / Tomiño
O coidado do medio ambiente entra en movemento en Tomiño. O Concello xa puxo en marcha o novo Punto Limpo Móbil, un servizo innovador que leva a reciclaxe directamente ás parroquias e que permitirá á veciñanza desfacerse de residuos especiais de pequenas dimensións dun modo seguro, responsable e sen necesidade de grandes desprazamentos. A iniciativa, que comezou o pasado mes de decembro nos centros escolares do municipio, estará esta semana diante do IES Antón Alonso Ríos e percorrerá o municipio cun itinerario estable de 19 localizacións estratéxicas.
O Punto Limpo Móbil supón un paso adiante na xestión sostible dos residuos, evitando que materiais potencialmente contaminantes rematen nos colectores convencionais e garantindo o seu tratamento axeitado. O servizo achegarase ás parroquias para facilitar a entrega de elementos como pequenos electrodomésticos, aerosois, pinturas, tóner de impresora, aparellos electrónicos, xoguetes ou CDs, entre outros. Ademais, incorpora un servizo mellorado de recollida de voluminosos a demanda, mantendo e ampliando o sistema xa existente.
O itinerario inclúe 19 puntos de recollida: IES Antón Alonso Ríos, Pinzás, Barrantes, Cristelos, Santa María de Tebra, San Salvador de Tebra, Vilameán, Hospital, Taborda, Piñeiro, Sobrada, Currás, Amorín, Carregal, Forcadela, Tomiño, Estás, Figueiró e Goián. O calendario detallado de paradas poderá consultarse na páxina web municipal. O servizo foi presentado tamén nos centros escolares, co obxectivo de que a comunidade educativa se converta na primeira embaixadora desta iniciativa entre as familias tomiñesas. Durante os 15 días que percorreu os centros escolares recolléronse 120 aparellos electrónicos e electrónicos, 500 pilas e baterías, 335 CDs e VHS, entre outros.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que este Punto Limpo Móbil “achega a reciclaxe á porta das casas e facilita un xesto sinxelo pero fundamental: separar correctamente os residuos especiais e darlles o tratamento que necesitan”. A rexedora destacou ademais que “cada depósito responsable contribúe a coidar a nosa contorna natural e a construír un Tomiño máis verde e sostible, contando coa implicación directa da veciñanza”.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, subliñou que “este novo servizo reforza o modelo de proximidade polo que apostamos, facendo do coidado ambiental unha tarefa compartida e accesible. O Punto Limpo Móbil facilitará que moitos residuos que antes podían rematar no colector equivocado teñan agora unha segunda vida ou un tratamento seguro”.
Este novo servizo supuxo un investimento de case 18.000 euros cofinanciados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión sostible, eficiente e próximo á cidadanía, mellorando a calidade de vida da veciñanza e implicando a tomiñeses e tomiñesas na protección do medio ambiente e na construción dun futuro máis verde para todas e todos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario