14 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés non logrou remontar no Palau (25-22) 

Este mércores a súa segunda derrota da tempada na súa visita ao Palau de Granollers, onde non a pesar dos esforzos logrou liderar en ningún momento do encontro 

As anfitrioas dominaron o ritmo do xogo desde o comezo, lucindo un ataque moi eficaz liderado por Cristina Polonio e apoiándose na fera defensa da portería de Marta Mera 

Na banda guardesa, Amandine Balzinc destacou na segunda parte, mentres Rosane Serrano, Elena Martínez, María Sancha e Ari Portillo repartíronse o ataque con 4 goles cada unha. Cecilia Cacheda non viaxou debido a molestias de última hora

 

Ariana Portillo lanzando á bóla en dirección a porta defendida por Marta Mera
Foto: Xavi Solanas


Redacción Deportes / Granollers

 O Mecalia Atlético Guardés suma unha de area. As de Ana Seabra caeron este mércores na súa visita a Granollers e sufriron a súa segunda derrota da tempada tras loitar con todas as súas armas ante un equipo vallesano que non cedeu en ningún momento. A pesar dos esforzos, moi notables nun ataque liderado por Rosane, Elena, Sancha e Portillo; unha mellor segunda parte non foi suficiente para sobrepoñerse á renda de entre tres e cinco goles que as catalás mantiveran desde o descanso. Non puido ser para un Mecalia que notou a baixa de Cecilia Cacheda, quen non viaxou debido a molestias físicas. 

 O marcador foi inaugurado da man da local Judith Vizuete, acerto respondido cunha vaselina de Carme Castro pouco despois. O Guardés puido ler as intencións ao Granollers, que desde os primeiros instantes buscaba un xogo rápido e que puidese axustar á súa elevada velocidade de contraataque. As de Ana Seabra buscaron imitar o ritmo no xogo ofensivo e pechar filas en defensa para frear as chegadas á súa porta, e polo momento parecía estar a funcionar, pois o partido asinaba táboas ao termo do primeiro parcial (2-2, min. 5). 

 Con todo, as vallesanas pronto lograron poñer en aprietos ás galegas. O Mecalia comezou a sufrir un bloqueo importante en ataque, chocando de fronte contra a muralla granollerí e contra as mans de Marta Mera baixo paus. Pola súa banda, o anfitrión conseguía aproveitar contragolpes cruciais e, aos poucos, certificaba unha superioridade que acabaría por definir o destino do partido (4-3, min. 10). 

 Para cando chegou o ecuador da primeira metade, o cadro catalán creceuse aínda máis, e soubo aproveitarse de varios erros non forzados das de Ana Seabra para asestar un parcial 2-0 que supoñía a máxima diferenza do encontro (6-3, min. 14). Ante isto, a adestradora portuguesa solicitou parar o tempo, buscando reconducir os esforzos das súas. 

 E aínda que foron capaces de subir o ritmo, non pareceu producir efecto por completo. O certo é que o Granollers conseguía enganar a defensa baixomiñota con relativa facilidade, atopando múltiples ocos contra os que Amandine Balzinc pouco podía facer. E nas poucas ocasións nas que algunha xogadora do Mecalia conseguía penetrar na barreira rival, como María Sancha non cesaba de tentar, atopábase continuamente co rexeite dunha Marta Mera que acumulaba xa 9 paradas en apenas un terzo de partido (10-5, min. 19).  

 Non funcionaban as cousas no Guardés, empequenecido ante un anfitrión que dominaba o Palau como peixe na auga. Ata que, de súpeto, todo fixo clic e as de Ana Seabra asimilaron por fin as súas palabras para recuperar a atención. Nun dicir amén, Ari Portillo primeiro e Rosane Serrano despois encadearon dous contragolpes incontestables que reduciron a renda a unha distancia xa manexable. E aínda que Raquel Moré chegou e deu vida ás súas cun canón desde os nove metros, a misión da extremo exgranollerí xa era imparable: Portillo pillou desprevida a Mera en dúas ocasións seguidas para constatar un parcial 1-4 que demostraba que o visitante tiña aínda moito que dicir (11-9, min. 23).  

 Robert Cuesta pediu o tempo morto para reequilibrar a balanza ao seu favor. E aínda que non o logrou por completo, pois entre as súas comezaban xa a aparecer erros que antes non estaban presentes -como un fallo de Raquel Moré desde os sete metros xunto ao seu posterior rexeite-, Cristina Polonio seguía enchufada e foi vital para outros dous contragolpes que levaron o encontro ao descanso cunha notable vantaxe local de catro goles (13-9, min. 30). 

 Na continuación, o Guardés ameazou saír á pista cunha cara completamente nova, controlando o xogo con profesionalidade para ofrecer un parcial 0-2 que volvía mantelas con opcións. Con todo, faría falta algo máis para acabar coa distancia que xa se creou na primeira parte, e os nervios seguían crecendo entre as filas baixomiñotas, que observaban como crecían os tantos das mans de Polonio, Mireia Torras ou Capdevila (17-13, min. 40). 

 E aínda que non deixou de tentalo o conxunto galego, seguía sen producirse o clic tan característico seu que o cambiase todo. A disposición en ataque mellorara, liderado por Sancha e Serrano e complementado por unha Elena Martínez eficaz desde os nove metros; aínda que o Granollers transformaba cada mínimo erro en acerto e vixiaba moi de preto a súa renda. Unha renda que, ao ecuador do segundo período, mantíñase (20-16, min. 45). Aínda por riba, Marta Mera pasaba xa das 15 paradas, complicándoo todo aínda máis para un Guardés que xa vía a recta final costa arriba. 

 As cousas mantivéronse, e aínda que as de Seabra loitaron con todo o que tiveron nos minutos finais, obrigando ao Granollers a inventarse o imposible para non ceder, o peixe xa estaba vendido. O ataque local afinouse e non se deixou apabullar, contestando cada acerto guardés case ao instante, ata pechar o encontro cunha vantaxe moi similar á que mantiveran durante todo o seu percorrido (25-22, final). O Mecalia sumou a súa segunda derrota da tempada, e non puido aproveitarse dunha xornada na que o Bera Bera tamén foi noticia pola súa caída en casa ante o Elxe. Pero o camiño segue, e as de Seabra pensan xa no reto europeo que vivirá o seu primeiro capítulo este sábado na Sangriña ante o Handball Erice italiano.  

KH-7 BM Granollers (13+12): Itziar Martínez (2), Judith Vizuete (4), Marta Mera (p.), Ona Vila (2), Cristina Polonio (10), Carla González, Raquel Moré (2) [sete inicial], Mireia Torras (3), Berta Gamito, Lucía Moreno, Goundo Gassama (p.), Lucía Pérez, María Hombrado, Claudia Juan e Martina Capdevila (2). 

Mecalia Atlético Guardés (9+13): María Palomo, María Sancha (4), Carme Castro (1), Lorena Téllez (3), Blakza Hauptman, Ania Ramos (1), Amandine Balzinc (p.) [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), África Sempere (1), Jazmín Mendoza, Rosane Serrano (4), Elena Martínez (4) e Ariana Portillo (4). 

Marcador cada cinco minutos: 2-2, 4-3, 7-4, 10-5, 11-9, 13-9, 14-11, 17-13, 19-16, 20-17, 21-18, 25-22. 

Árbitros: Alberto Murillo e Pablo García. Amoestaron con tarxeta amarela á local Raquel Moré e á visitante Ana Seabra (adestradora) e excluíron con dous minutos ás locais Carla González e Claudia Juan; e ás visitantes María Palomo, Blazka Hauptman e Lorena Téllez. 

Incidencias: Partido de décimo quinta xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no Palau d’Esports.

Ningún comentario:

Publicar un comentario