15 de xan. de 2026

TUI

Tui avanza no compromiso coa igualdade real e efectiva co IV Plan de Igualdade 

 O documento, aprobado por unanimidade no último pleno, establece nove eixos estratéxicos de actuación 


Un momento do pleno da Corporación Municipal de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui ten en vigor o seu IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, unha  ferramenta estratéxica e indispensable que marca a folla de ruta das políticas municipais de igualdade para os próximos anos. O documento obtivo o apoio unánime da corporación no último pleno.  

 A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que “traballar pola igualdade non é unha opción política; é unha obriga constitucional” engadindo que “con este plan, Tui cumpre esa obriga con responsabilidade e con valentía”. Sinala Ana Núñez que este Plan permitirá transformar Tui nunha cidade máis xusta e comprometida coa igualdade real.  

 O Plan parte dun diagnóstico exhaustivo que identifica tres conclusións fundamentais: a baixa participación dos homes nas políticas de igualdade, as desigualdades económicas e laborais que afectan ás mulleres de Tui, e a persistencia da carga dos coidados sobre a poboación feminina.  

 Baseándose neste diagnóstico, o documento establece accións concretas en ámbitos como a redución da fenda salarial, o apoio ao emprendemento feminino, o reforzo da conciliación e a corresponsabilidade, e a promoción da participación equilibrada no deporte e a cultura.  

 Este IV Plan de Igualdade estrutúrase en nove eixes de actuación: transversalidade da igualdade na administración municipal; sensibilización e concienciación social; empoderamento e participación das mulleres nos espazos de decisión, de liderado, de emprendemento ou de innovación; igualdade laboral e económica como base da liberdade persoal; conciliación e corresponsabilidade; coeducación; interseccionalidade atendendo mulleres en situacións diversas; saúde e benestar; mobilidade con perspectiva de xénero e loita contra a violencia machista.  

 Este cuarto plan realiza unha aposta decidida pola transversalidade, incorporando a perspectiva de igualdade en todas as áreas municipais: urbanismo, cultura, deportes, mobilidade, servizos sociais, educación, promoción económica, contratación pública e comunicación institucional.  

 O documento introduce un sistema municipal de gobernanza en igualdade con mecanismos estables, protocolos internos e formación obrigatoria para o persoal municipal, seguindo un modelo europeo de xestión pública igualitaria.  

 O Plan reforza de forma especial os servizos de atención ás vítimas de violencia machista, tras detectar que moitas mulleres, especialmente mozas, descoñecen a existencia dos servizos psicolóxicos e xurídicos municipais. 

 As medidas inclúen a mellora da difusión dos recursos, a presenza nos centros educativos, a atención ás violencias dixitais, a formación especializada e a coordinación interdisciplinar.  

 A concelleira Ana Núñez apela á responsabilidade colectiva na construción dunha sociedade máis igualitaria sinalando que a igualdade non é unha loita das mulleres: é unha responsabilidade colectiva.  

 Este documento agora aprobado da continuidade ao III Plan de Igualdade 2020-2024 no que se acadou unha execución dun 84%. Das 50 medidas e 162 actividades que recollía executándose completamente 25 das accións previstas, 17 foron realizadas parcialmente e 8 quedaron pendentes de realizar. Ana Núñez destaca que “houbo un importante compromiso político e institucional que impulsou a execución das accións”. Sinala que se tratou dun plan transversal no que baixo o liderado do seu departamento contou coa implicación das distintas áreas municipais.  

 O IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, que vén de ser aprobado, consolida a Tui como un concello comprometido cos dereitos humanos e coa igualdade real, establecendo un modelo de xestión pública moderna que sitúa a igualdade no centro das políticas municipais.  

 O Plan susténtase nun marco normativo amplo que inclúe a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), as directivas europeas en materia de igualdade e o mandato constitucional español recollido nos artigos 9.2 e 14 da Constitución, que obriga aos poderes públicos a promover condicións para que a igualdade sexa real e efectiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario