12 de xan. de 2026

TUI

A Biblioteca Municipal superou os 20.000 préstamos de libros en 2025 

 Supón un incremento do 9% con respecto a 2024. Conta con case 5 mil usuarios activos. O ano pasado incorporou case 1.000 novos libros


O alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, no acto de entrega dos dos diplomas de “Lectores de honra”
Foto: C.T.

Infogauda / Tui  

 A Biblioteca Municipal de Tui acadou en 2025  un total de 20.178 préstamos, o que supón un incremento do 9,4% con respecto o ano anterior, continuando a liña de crecemento dos últimos anos en canto a préstamos e número de usuarios.   

 Estes datos confirman o interese da cidadanía pola cultura e o incremento dos hábitos lectores entre a infancia e a mocidade. Precisamente esta franxa de idade lidera os índices de préstamo na biblioteca tudense, xa que máis do sesenta por cento dos libros foron retirados por usuarios menores de catorce anos.   

 O incremento no número de préstamos ten crecido de forma significativa nos últimos anos pasando de 14.536 en 2023, a 18.279 en 2024 e os 20.178 en 2025. Deste total 10.671 foron realizados por usuarios infantís e 9.557 por persoas adultas.   

 O longo do ano 2025 a Biblioteca Municipal incorporou aos seus catálogo 928 libros novos, reafirmando o compromiso por ofrecer unha colección actual e variada para todas as idades e orientada ás demandas da cidadanía.   

 Actualmente a Biblioteca tudense conta con 4.935 persoas usuarias, das que 385 se incorporaron ao longo dos últimos doce meses.   

 A oferta de extensión cultural da biblioteca abarca tamén diferentes actividades. Así por unha parte están as exposicións de pintura, escultura e fotografía que se realizan na Sala Municipal e no seu anexo.  Tamén ao longo do ano son numerosas as actividades de animación á lectura que se levan a cabo como contacontos, presentacións de libros e conferencias, que contribúen a situar a Tui como o referente cultural do sur da provincia.

 A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, destaca o importante labor que a Biblioteca realiza de promoción da lectura tanto coas actividades que leva a cabo coma coa ampla oferta de libros que presenta, que se actualizan cada mes.   

 O alcalde, Enrique Cabaleiro, o pasado sábado na entrega dos diplomas de “Lectores de honra” referiuse a importancia de seguir fomentando o hábito da lectura entre os máis pequenos e pequenos.   

 Dende o Concello de Tui estase a traballar nun proxecto para mellorar as instalacións da Biblioteca Municipal e crear unha Sala de Estudo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario