Tui proxecta a nivel internacional o oitavo centenario da consagración da catedral
• A próxima semana presenta en FITUR a campaña “Tui, Catedral de Historias” que hoxe se deu a coñecer na cidade
Infogauda / Tui
O Concello de Tui proxectará a nivel internacional o oitavo centenario da consagración da catedral que até o 30 de novembro deste ano será o eixo da actividade cultural na cidade tudense.
Este mediodía deuse a coñecer a peza documental “Tui, Catedral de Historias”, que incide no lado humano do templo catedralicio. A próxima semana esta campaña chegará a Madrid, a Feira Internacional de Turismo de Madrid, referente internacional no sector. O mércores 21, ás 14 h, presentarase no espazo expositivo de Galicia, e o venres 23 ás 12.30 h na sala de presentacións de Turespaña.
Así o explicou esta mañá a concelleira de Turismo, Ana Núñez, destacando que nesta campaña “non so se fala de pedra, de arte, de séculos de historia, sobre todo se fala de persoas, das persoas que conviven cada día con esta catedral, das persoas que a coidan, que a estudan, que a senten e que transmiten ou que realmente é un patrimonio excepcional e un orgullo tudense”. A da próxima semana en FITUR sinalaba que será unha ocasión moi importante para “proxectar a imaxe máis emblemática de Tui” nun evento de referencia internacional.
“Tui, Catedral de Historias” foi realizado pola empresa Esmerarte. O seu director audiovisual, Alberto Baamonde, recoñeceu esta mañá na presentación que para eles “foi unha sorte poder participar neste proxecto”. Explicou que presentan un relato feito de historias, destacando que a catedral “é un organismo vivo, que durante 800 anos xerou historias, historias das persoas que a construíron nas distintas fases, que a protexeron, que viviron nela, e historias das persoas que actualmente seguen a inspirarse nela e vivindo tendo a catedral como o seu faro”. Citaba así aos historiadores que investigan, aos traballadores que teñen nela a súa casa, ás persoas emprendedoras do conxunto histórico de Tui que están creando esta comunidade arredor da catedral, de artistas que levan a Catedral con eles e traen a persoas aquí, sobre todo, dicía, a historia da veciñanza de Tui que protexen, a coidan... Explicaba que a campaña desenvolverase en distintas fases, sendo unha delas este vídeo que se presentará a vindeira semana en FITUR, e avanzou que haberá novas historias por descubrir e contar en futuras pezas audiovisuais.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “a catedral é a alma desta cidade, deste concello e deste territorio transfronteirizo”. Incidiu en que este vídeo forma parte do proxecto conmemorativo dos 800 anos da consagración da catedral, financiado con fondos do programa Farpax. Amosouse crítico coa falta de financiamento por parte doutras administracións —Goberno central, Xunta de Galicia ou Deputación— para apoiar este programa conmemorativo. Xa na parte positiva, salientou que esta efeméride coincide cun momento doce para a catedral, tanto polas obras que se están a executar na actualidade como polas que proximamente se acometerán no arquivo catedralicio e diocesano. Subliñou tamén que este bo momento se estende á propia cidade, reiterou o compromiso municipal e concluíu sinalando que o traballo conxunto é a fórmula que permite avanzar.
Finalmente, o bispo da diocese de Tui-Vigo, Antonio Valín, indicou que esta conmemoración é un momento importante para “recuperar, dar a coñecer e poñer en valor o que somos”. Nese senso apuntaba que “a catedral son pedras, son homes e mulleres que fixeron que a catedral existira e siga existindo. O máis importante son as historias que están detrás de cada unha das pedras, de cada unha das imaxes e cada unha cousas do entorno da catedral”. Como bispo da Diocese sinalaba que “é un orgullo” e afirmaba que “a catedral ten que ser a referencia de Tui-Vigo”, engadindo que “as 276 parroquias que formamos esta diocese temos que mirar aquí, porque aquí está a nosa nai e a nosa raíz”. Concluía afirmando que os 800 anos desta catedral “van dar moitos froitos”.
No acto desta mañá tamén se deu a coñecer que o próximo xoves, ás 12 h en Madrid, no Centro Sefarad Israel, será inaugurada a exposición “Os sambenitos da catedral de Tui: historia, memoria e infamia”, que dará a coñecer outro dos elementos do patrimonio catedralicio coma son os sambenitos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario