13 de xan. de 2026

TOMIÑO

A II San Silvestre Tomiñesa superou os 700 participantes e consolídase como unha cita deportiva e solidaria   


Grazas á colaboración entre o Concello de Tomiño e a Sociedade Atlética do Trega, a xornada estivo marcada pola boa organización, un percorrido atractivo e un excelente ambiente
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 A II San Silvestre Tomiñesa, celebrada o pasado 31 de decembro, pechou a súa segunda edición cun balance moi positivo, ao superar os 700 participantes entre carreira e andaina, máis do dobre que na primeira edición. 

 Como novidade deste ano, o Concello entregou a todas as persoas participantes unha camiseta coa inscrición da proba, que xunto cos disfraces e vestimentas creou unha mañá festiva e chea de cor.  

 Grazas á colaboración entre o Concello de Tomiño e a Sociedade Atlética do Trega, a xornada estivo marcada pola boa organización, un percorrido atractivo e un excelente ambiente, animado con música durante toda a mañá, que acompañou tanto ás persoas participantes como ao público asistente. O bo tempo tamén contribuíu a unha alta participación e o chocolate quente ao rematar puxo o peche perfecto a unha xornada moi valorada pola veciñanza. 

 Ademais, a recollida de alimentos para SOS Tomiño foi un éxito rotundo, demostrando a solidariedade e o compromiso da veciñanza. 

 O Concello de Tomiño destaca a excelente acollida desta segunda edición e subliña a importancia de seguir impulsando eventos deportivos populares que fomenten hábitos de vida saudables, convivencia, participación cidadá e solidariedade, coa vista posta en continuar aumentando a participación nas vindeiras edicións. 

 Tamén se quere expresar un especial agradecemento á Sociedade Atlética do Trega, á Policía Local, a Protección Civil, ao voluntariado e a todas as persoas que colaboraron na organización do evento, cuxa coordinación e profesionalidade foron clave para garantir o bo desenvolvemento da proba, a seguridade e o éxito da recollida solidaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario