11 de xan. de 2026

SALVATERRA DE MIÑO

Rueda destaca a reforma do campo municipal de fútbol de Salvaterra de Miño como exemplo de colaboración entre administracións 

 Recordou que se financiou con fondos autonómicos e europeos, de acordo cun proxecto presentado polo Concello 


O presidente do Goberno galego asistiu hoxe á inauguración das novas instalacións. Tamén estiveron Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, e Ana Ortiz, delegada da Xunta en Vigo
Foto: X.G.

Infogauda / Salvaterra de Miño

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a reforma do campo municipal de fútbol Antonio Bernárdez Gándara de Salvaterra de Miño como exemplo de colaboración entre administracións. Así o sinalou esta tarde tras visitar as instalacións.  

 “Salvaterra é un concello que crece en poboación, que non é nada fácil nestes momentos, e polo tanto merece apoio e merece obras para a xente nova que está a decidir que este é un bo sitio para vivir, e para iso hai que ter instalacións a altura”, apuntou durante o acto de inauguración do proxecto, no que tamén se entregaron recoñecementos aos diferentes presidentes que pasaron polo club ao longo da súa historia.

 Rueda puxo en valor que estes traballos se levaron a cabo tras a presentación dun proxecto por parte do Concello, que logo se financiou grazas a fondos autonómicos e europeos, ata superar os 634.000 euros de investimento global, dos cales máis de 300.000 euros correspóndese ao fondo adicional do Fondo de Cooperación Local 2024. Así, o presidente quixo agradecer tamén ao Goberno central “porque aquí hai unha parte de fondos Next Generation”.  

 Acometéronse melloras destinadas a facer o campo máis eficiente, sostible, accesible e moderno. Así, entre outras actuacións, substituíse o alumeado por tecnoloxía LED, mellorouse o illamento, reparouse o peche perimetral, adaptáronse os accesos e instalacións para cumprir as normas de accesibilidade, e instalouse un videomarcador dixital.  

 Rueda considerou que estas instalacións renovadas contribuirán á dinamización local e de toda a zona transfronteiriza, non só a nivel deportivo, senón tamén no ámbito turístico, xa que poderá acoller torneos e outros eventos. 

 O titular do executivo autonómico inscribiu esta aposta no compromiso da Xunta co concello de Salvaterra de Miño, no que se están a realizar outros investimentos. Neste sentido, nos orzamentos de 2026 inclúese partidas para a depuradora, para a restauración da ponte de Fillaboa ou para seguir colaborando no desenvolvemento da Plisan.  

 Ao respecto, o Goberno galego traballa da man dos concellos en toda Galicia e lembrou que o Fondo de Cooperación local contará en 2026 cun total de 187 millóns de euros, un 12% máis que en 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario