O GOBERNO DO ESTADO ABOGA COA SÚA ACTUACIÓN EN CORREOS, POLA DESAPARICIÓN DO SERVIZO POSTAL PUBLICO
Miles de notificacións sen repartir acumúlanse nas oficinas de Correos
A ALCALDESA DE SALCEDA E O ALCALDE DO PORRIÑO RESPALDARON A PROTESTA
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño
Ao berro de “queremos traballar e non rebentar” o persoal de Correos no Porriño volveu hoxe saír a rúa ante persistencia no despropósito existente na organización do traballo, a falta de persoal para poder prestar un servizo de calidade para a cidadanía e a constante presión a que a empresa está a someter as traballadoras e traballadores. A concentración de protesta levouse acabo diante do Concello e contou coa presenza da alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, mentres que ao remate da concentración achegouse o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Os responsables municipais quixeron apoiar deste xeito unha protesta lexítima en defensa dun bo servizo postal para as veciñas e veciños dos concellos de Salceda de Caselas e do Porriño.
Durante o pasado verán a CIG xa denunciara a acumulación de envíos en esta localidade sen repartir e os prexuízos que para a cidadanía trae este deterioro no servizo. Agora, a maiores de non cubrir as vacantes por incapacidades, tampouco se cobren as vacantes por xubilación.
Dende a central sindical denuncian unha acción premeditada para camiñar cara a desaparición do servizo postal público. Na oficina do Porriño nos últimos dous anos fixéronse desaparecer catro prazas, “e non contentos con isto mantéñense sen cubrir a maiores entre dúas e catro prazas máis, xa sexa por estar vacantes por permisos, baixas ou xubilacións, como é o último caso”.
Mentres tanto, a dirección de Correos “vende” un exercicio económico cun balance “maquillado” como positivo, mentres miles de notificacións acumúlanse sen repartir nas súas instalacións. Ademais, a “pandemia” de baixas laborais “é brutal” como consecuencia do “atentado” que se está a perpetrar dende a empresa contra a saúde das persoas traballadoras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario