A Deputación pecha este sábado en Mondariz a segunda edición de Entradiñas de Aninovo cun espectáculo de música e danza para gozar en familia
• “O arcón de Noa”, de Amarelo Cía, chegará este sábado 17 de xaneiro ás 19:00 horas ao auditorio do Centro cultural da vila e está pensado para público infantil e familiar a partir dos 3 anos
Infogauda / Mondariz
A Deputación de Pontevedra leva este sábado a Mondariz “O arcón de Noa”, un espectáculo musical e de danza que servirá de peche da programación da segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos que percorreu a provincia coincidindo coa entrada do 2026. Será este sábado 17 de xaneiro ás 19:00 horas no auditorio do Centro cultural de Mondariz, onde a compañía Amarelo Cía ofrecerá este espectáculo para público infantil e familiar a partir dos 3 anos.
“O arcón de Noa” é unha proposta que, a través da linguaxe da danza contemporánea, da utilización de obxectos e da interacción co dispositivo escénico, amosa múltiples situacións e personaxes guiadas por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía, estimulando a imaxinación das nenas e nenos.
O espectáculo trata transversalmente valores sociais e temáticas relevantes para o desenvolvemento emocional da infancia: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión e o respecto á diferencia. Todos estes temas trátanse de maneira lúdica, facendo uso da linguaxe corporal, a luz, a música e a imaxinación para contar unha historia de amizade chea de emoción, maxia, aventuras, fantasía e comicidade. O espectáculo do sábado pecha esta serie de concertos especiais que a Deputación organizou en espazos dos concellos da provincia coa finalidade de que deleitar ao público coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano. O título está tirado dun verso dunha copla popular de Nadal, “Ayes de mi país, o cancioneiro de Marcial Valladares”, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim: “Despedida de ano vello / entradiña de aninovo / os señores desta casa / as conten con grande gozo”. Ademais de Mondariz, Entradiñas de Aninovo pasou polos concellos de Campo Lameiro, Covelo, Forcarei, Lalín, Meaño, As Neves, O Porriño e Vigo con espectáculos a cargo de Amarelo Cía, a Banda de Música Municipal e a Orquestra Clásica de Valga, a Banda Filharmónica de Vigo e Javier Otero Neira coa colaboración de Tania Caamaño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario