15 de xan. de 2026

NIGRÁN

A Xunta dá luz verde ambiental a un campamento de turismo na contorna do Pazo de Cea 

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada  

A nova instalación, que se localizará nunha parcela de preto de 23.000 m2, contará con 25 cabanas de madeira dedicadas a aloxamento e unha zona de recepción


Infogauda / Nigrán

 A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír un campamento de turismo na contorna do Pazo de Cea, no concello de Nigrán. O fin do promotor é implantar un novo establecemento hostaleiro no municipio con 25 cabanas de madeira.  

 Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o entorno derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.  

 Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.  

 Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.  

 Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas, xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.  

 Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remítese a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.  

 En canto ao proxecto, promovido por Organiza Nigrán, SL, cómpre indicar que se busca a implantación dun novo campamento de turismo con 25 cabanas de madeira destinadas a aloxamento nunha parcela de preto de 23.000 m2. A superficie construída será de máis de 1.600 m2.  

 Ademais dos volumes de habitacións, para o desenvolvemento do proxecto será necesaria a creación dunha zona de recepción de hóspedes, así como unha área de aparcamento e camiños peonís que conecten as cabanas.  

 Os elementos edificados serán independentes e illados para permitir o crecemento e desenvolvemento de árbores de porte ao seu redor e integrarse na paisaxe circundante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario