Galicia presentará en Fitur máis de 50 destinos que redundan nun modelo turístico sostible e de calidade
• A programación esténdese do mércores 21 ao 23 de xaneiro con accións dirixidas ao sector, mentres que o sábado 24 e domingo 25, a feira abrirá as súas portas ao público en xeral
Infogauda / Galicia
Galicia chega un ano máis a unha das maiores citas internacionais do sector turístico, Fitur 2026, cunha ambiciosa e extensa programación no seu posto do pavillón 9 de Ifema, que inclúe máis de 50 presentacións ao longo de tres xornadas dirixidas fundamentalmente ao sector turístico. A axenda reflicte o compromiso da Xunta de Galicia cun modelo turístico sostible, responsable e diversificado, no que se pon en valor a identidade propia dos territorios, a colaboración institucional e a variedade da oferta.
En concreto, a comunidade galega presentará unha serie de propostas que van desde a promoción do turismo deportivo, cultural, termal, gastronómico e dos distintos Camiños de Santiago. Así, a programación do posto de Galicia abrangue propostas vencelladas ao patrimonio, á natureza, ao turismo activo e á oferta gastronómica da comunidade. Destacan iniciativas como a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, os itinerarios enogastronómicos ou proxectos singulares centrados en aspectos coma a recuperación da gastronomía tradicional. E tamén o Camiño do Litoral, unha das apostas do Goberno autonómico pola posta en valor do turismo náutico e mariñeiro que percorre toda a franxa costeira da comunidade ao longo dos seus máis de 1.300 kilómetros.
Os xeodestinos galegos teñen un papel protagonista, con presentacións específicas de Ferrolterra, A Mariña Lucense, Costa da Morte, O Salnés, Barbanza-Arousa, Deza-Tabeirós, Condado Paradanta, Terra Chá, Celanova-Terras do Xurés, Mariñas Coruñesas ou Ribeiro-Carballiño, entre outros. Todos eles comparten unha aposta común pola sustentabilidade, a accesibilidade e a creación de experiencias auténticas.
Os distintos itinerarios xacobeos volven ser un dos eixos centrais da presenza galega en Fitur e máis tendo en conta a próximo cita do Xacobeo 2027. Ao longo da feira presentaranse accións vinculadas ao Camiño Portugués da Costa, o Camiño de Inverno, o Camiño Fisterra-Muxía, ou o Camiño Francés, así como iniciativas de cooperación que reforzan o seu valor como atractivo turístico internacional.
A axenda complétase con propostas vencelladas ao turismo náutico, deportivo e termal, como Galicia Spa Pilgrimage, xunto con grandes citas do calendario feiral como Termatalia, Xantar ou Turexpo.
Con esta programación, Galicia reafirma en Fitur a súa posición como un destino competitivo, sostible e con identidade propia, no que a cooperación entre administracións, sector e territorio resulta clave para seguir avanzando na desestacionalización e diversificación dun turismo de calidade capaz de crear rendibilidade durante todo o ano.

Ningún comentario:
Publicar un comentario