12 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Dispoñibles as entradas para oitavos da EHF European Cup na Sangriña 

O equipo baixomiñoto acollerá este sábado ás 19.00 horas o partido de ida de oitavos de final da EHF European Cup ante o Handball Erice italiano. Será unha xornada festiva con gastronetas, inchables e cantina despois do encontro 

As entradas están dispoñibles para recoller na oficina do Club dende este luns, cun prezo xeral de 30 euros para non abonados e de 20 euros para quen si teña abono. Estes últimos poderán gozar dunha oferta exclusiva da venda anticipada de dúas entradas por 30 euros 

Os socios de número terán entrada de balde, aínda que deberán recoller o seu convite igualmente xa sexa na oficina ou na taquilla 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés prepárase para o regreso da competición europea á Guarda. O pavillón da Sangriña acollerá este sábado, 17 de xaneiro ás 19.00 horas o primeiro partido da rolda Last 16 ou oitavos de final da EHF European Cup ante o Handball Erice italiano no que se espera coma unha grande xornada de celebración para o equipo. As entradas poden adquirirse dende este luns na oficina do Club, con distintas opcións e ofertas dispoñibles. 

 Despois de ter que rexeitar o seu dereito a actuar como anfitrión nun dos partidos da terceira rolda da competición, o Guardés poderá vivir por fin o soño europeo coa súa afección na Sangriña. Para celebralo, o club baixomiñoto ten preparada unha xornada moi especial este sábado, que incluirá música, cantina e gastronetas, baile, xogos e inchables para os máis pequenos e moitas outras sorpresas en honra da esperada ocasión. 

 O partido, que ademais será retransmitido en directo pola Televisión de Galicia, comezará ás 19.00 horas. A taquilla abrirá unha hora antes, se ben dende este luns están xa dispoñibles as entradas para tódolos afeccionados a recoller na oficina do Club de ata o venres en horario de 17.00 a 20.00 horas. 

 Así, o prezo de entrada xeral para os non abonados será de 30 euros, sen distincións entre idades. No seu caso, poden adquirir xa as súas entradas a partir desta tarde na oficina, o sábado na taquilla ou na plataforma en liña Cluber: https://app.cluber.es/clubes/b84295873d95a8a4fb331b3b487c16e3cb4794ea/pagos/69 5fee98f3b20549915421

 Pola súa parte, para os abonados hai varias opcións. Aínda que ningún dos distintos tipos de abono anunciados en agosto inclúe a competición europea, o Club reservou para eles un prezo reducido: 20 euros para público xeral e 10 euros para   menores de 20 anos. Ámbolos dous poderán obter as súas entradas ben na oficina durante a semana ou ben o sábado en taquilla, pero non hai opción de compra en liña para abonados, polo que a ligazón de Cluber non é válida para este caso. Ademais, como oferta adicional exclusiva da venda anticipada, cada abonado poderá mercar dúas entradas por 30 euros (é dicir, a 15 cada unha). 

 Os socios de número, por último, si teñen incluído o acceso a tódalas competicións nos seus carnés. Non terán que pagar entrada para este sábado, se ben deberán recoller un convite para poder acceder, xa sexa durante a semana na oficina ou o mesmo sábado en taquilla. 

 Os menores de 13 anos, independentemente de se son abonados ou non, terán entrada gratuíta ao partido, como é habitual tamén nos encontros de Liga. 

Táboa completa coas distintas opcións de entrada e onde adquirilas: 

 

Tipo de afeccionado

Prezo

Oficina

Taquilla

Cluber

Non abonado

30 euros sen distinción por idade

Si

Si

Si

Abonado

20 euros unha entrada

Si

Si

Non

30 euros dúas entradas

Si

Non

Non

Abonado sub20

10 euros

Si

Si

Non

Socios

De balde, pero deberán recoller convite

Si

Si

Non

Sub13, abonados ou non

De balde

-

-

-

 

 Aínda que, a excepción da oferta de dúas entradas por 30 euros para abonados, tódolos tipos de entrada poden recollerse o sábado en taquilla, o Club agradece que, na medida do posible, os afeccionados recorran á venda anticipada e adquiran as súas entradas na oficina ao longo da semana para liberar a taquilla todo o posible o sábado e asegurar un acceso puntual ao pavillón.  

AXENDA EHF 

European Cup | Last 16 – Ida 

Mecalia Atlético Guardés – Handball Erice SSD ARL 

Sábado, 17 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña  

Retransmitido en directo a través da Televisión de Galicia e agalega.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario