O Rosal sementou igualdade no Nadal cun campamento municipal que encheu todas as prazas
• O Concello ofreceu actividades educativas e lúdicas a nenos e nenas de 3 a 12 anos, facilitando a conciliación das familias durante as vacacións escolares
Infogauda / O Rosal
No Rosal, o Nadal tivo tamén forma de xogo, aprendizaxe e conciliación. Durante o mes de decembro e xaneiro o Concello puxo en marcha o tradicional campamento municipal de Nadal coa súa ‘Sementeira de Igualdade’, un espazo no que nenos e nenas de 3 a 12 anos desfrutaron das súas vacacións escolares mentres as familias atopaban un apoio fundamental para compatibilizar vida laboral e familiar. A proposta, totalmente gratuíta, cubriu a totalidade das prazas ofertadas, amosando a grande acollida desta iniciativa entre a veciñanza.
O campamento desenvolveuse arredor de actividades educativas, creativas e lúdicas deseñadas para dinamizar o tempo libre da rapazada, promovendo valores como a igualdade, o respecto, o traballo en equipo e a corresponsabilidade. Xogos, obradoiros e propostas de reflexión adaptadas ás diferentes idades permitiron que os máis pequenos e pequenas aprenderan ao tempo que se divertían, facendo do Nadal unha experiencia compartida.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “desde o Concello somos conscientes da importancia da corresponsabilidade, por iso queremos achegar o noso gran de area con iniciativas como este campamento, axudando aos pais e nais que traballan e non teñen con quen deixar aos seus fillos e fillas ao tempo que os máis pequenos e pequenas aprenden e se relacionan”.
Co éxito desta edición, o Concello do Rosal consolida o campamento municipal de Nadal como unha ferramenta esencial de apoio ás familias e de promoción de valores educativos entre a rapazada, reafirmando o seu compromiso coa conciliación e coa igualdade real ao longo de todo o ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario