BALONMÁN FEMININO
O Guardés recibe ao Erice italiano para continuar co soño europeo
• A Sangriña acollerá este sábado (19.00 horas) o partido de ida de oitavos de final da EHF European Cup ante o Handball Erice italiano
• Tanto o encontro deste sábado coma o de volta, o vindeiro día 24, en Sicilia, serán retransmitidos en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia
• Cecilia Cacheda volve a unha convocatoria á que se suman as xuvenís María Español e Melina Rodríguez
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés prepárase para continuar co soño europeo. Este sábado ás 19.00 horas, A Sangriña acolle unha das citas máis esperadas da tempada, co partido de ida de oitavos de final ou Last 16 da EHF European Cup, no que as súas mediranse ao Handball Erice italiano e que ademais suporá o regreso da competición ao pavillón guardés dende hai máis dun ano. A convocatoria volve completarse con Cecilia Cacheda e reforzarase coas xuvenís María Español e Melina Rodríguez. O partido será retransmitido en directo a través da Televisión de Galicia.
O Guardés chega ao encontro con ganas de resarcirse e ofrecer a súa mellor versión ante a súa afección. Se ben na súa última demostración na Sangriña puido vencer sen problemas ao Zonzamas Lanzarote, non logrou repetir a faena no partido que a seguiu no Palau de Granollers. As vallesanas dominaron o encontro deste mércores en todo momento, ante un Mecalia que notou o cansazo e a ausencia de Cecilia Cacheda e non foi capaz de sobrepoñerse ao ritmo que esixía un rival moi agresivo e rápido (25-22). E, aínda que non faltaron as grandes actuacións tanto en defensa coma en ataque, o certo é que o equipo baixomiñoto non saíu contento co seu desempeño, derrota aparte. O lado bo é que, coma sempre, servirá para seguir medrando e pulir erros.
Por iso, malia que a competición si é diferente, a filosofía será a mesma. As de Ana Seabra sairán á pista dispostas a dalo todo ante un rival que presume dun plantel de moi alto nivel, co obxectivo de manter as súas opcións de cara ao encontro definitivo o sábado seguinte en Sicilia. A folla de ruta dos últimos días, para iso, centrouse en evitar a sobrecarga: tralo partido do mércores en Granollers, as xogadoras pasaron alí a noite para viaxar de volta a casa o xoves pola mañá, onde as esperou un día completo de descanso. Este venres pola tarde foi o derradeiro adestramento antes da cita, no que se contará xa coa convocatoria completa para entón. Cecilia Cacheda, que non viaxou a Cataluña por precaución ante molestias físicas leves, estará dispoñible este sábado, e a ela únese o reforzo xa coñecido para Seabra das xuvenís María Español e Melina Rodríguez. Un total de 15 xogadoras, á espera da reincorporación de Nerea Gil nas vindeiras semanas, dispostas a defender as cores guardesas neste grande reto.
A parte máis complexa deste exame terá que ver co seu rival. O Handball Erice é un club moi notable en Italia, con numerosos recursos entre os que se atopa un plantel que impresiona. Nela destacan nomes coma o da Guerrera española Shandy Barbosa, a porteira croata Ivana Kapitanovic ou os doutras xogadoras coñecidas para a Liga española, coma Alexandra do Nascimento ou Gabi Pessoa, quen vestiu a camiseta guardesa hai cinco tempadas. Ademais, durante os últimos tempos dirixíao a adestradora tamén exguardesa Cristina Cabeza, ata a súa saída o pasado mes de novembro en favor de Bruno Tronelli, actual técnico do equipo. Estes elementos outórganlle, en conxunto, tanto un grande potencial goleador coma unha boa resistencia defensiva, que lle valen ostentar agora mesmo o liderado da Serie A1 (elite feminina italiana) cun balance de 12 vitorias e unha única derrota e os incontestables datos de 34 goles anotados de media por partido fronte aos menos de 21 encaixados.
O seu historial na competición europea é significativamente diferente, en cambio. A deste ano é a cuarta participación do equipo na EHF European Cup e a segunda ocasión na que logra colocarse entre os Last 16. As italianas superaron esta tempada con creces as roldas 2 e 3 do campionato, eliminando ao Zeleznicar Indija serbio (83-54 global) e ao Kaerjeng de Luxemburgo (68-30 global), respectivamente; se ben é de destacar o feito de que xogou eses catro partidos como anfitrión no Pala Cardella siciliano. Polo tanto, o deste sábado será o primeiro encontro do curso europeo como visitantes para as de Tronelli, o que comporta todo un reto para a afección da Sangriña: haberá que poñer as cousas moi difíciles ás italianas para encarar o encontro de segunda volta, previsto para o sábado 24 ás 18.00 horas en Erice, co mellor marcador posible.
Ana Seabra: “Queremos volver gozar dun momento especial para o Club e para A Guarda e facer un bo partido en casa que nos permita soñar”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, traslada as ganas que existen o equipo da cita de mañá: “Trátase dun partido diferente, dentro dunha competición especial”, explica. “Sempre estamos desexando vivir estas oportunidades e enfrontarnos a equipos que, a partir da terceira rolda, son cada vez máis fortes”, motivo polo que indica que, aínda que “temos a ambición de seguir na competición”, “sabemos que haberá que traballar moito para conseguilo”.
Seabra destaca do Erice que é “campión italiano” e conta con “varias xogadoras que coñecemos moi ben”, entre as que se inclúen “atletas estranxeiras de grande calidade e outras xogadoras con moita experiencia competitiva”, coma as xa mencionadas que pasaron pola competición española e polo propio club baixomiñoto, Todo iso, unha mostra da “calidade que este equipo vai presentar”.
En conclusión, a técnica do Mecalia deixa claro que “sabemos que nos espera un reto difícil”. E, con todo e coma sempre, a intención é maximizalo. “Queremos volver gozar dun momento especial, tanto para o Club coma para o noso pobo”, como é a competición europea, comezando por “facer un bo partido na casa que nos permita soñar” para “no segundo partido, seguir nesta competición, o cal sería un logro moi importante e desexado”.
AXENDA EHF
European Cup | Last 16 - IDA
Mecalia Atlético Guardés – AC Life Style Handball Erice
Sábado, 17 de xaneiro | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia | Ligazón: https://www.agalega.gal/videos/77550-tv-g2
EHF European Cup | Last 16 - VOLTA
AC Life Style Handball Erice – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 24 de xaneiro | 18.00 horas | Pala Cardella, Casa Santa (Erice, Sicilia)
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia | Ligazón: https://www.agalega.gal/videos/77550-tv-g2

Ningún comentario:
Publicar un comentario