15 de xan. de 2026

A GUARDA

O Camiño Portugués pola Costa confirma a súa fama con case 90.000 peregrinos no 2025  

Trátase dun turismo crecente e máis desestacionalizado, superando de maio a outubro os 10.000 peregrinos mensuais  


Monumento ao peregrino, no Camino Portugués pola Costa, ao seu paso pola pintoresca vila de A Guarda
Foto: C.A.G.

 

Infogauda / A Guarda  

 No 2025, o Camiño Portugués pola Costa experimentou un aumento dun 20% respecto o 2024, tendo un total de 90.509 peregrinos. É dicir, o 16,89% dos peregrinos que chegaron a Santiago fixéronno a través deste camiño, segundo vén de facer público o Concello de A Guarda.  

 As mesmas fontes, indican que “os datos confirman a fama desta ruta, xa que é o camiño que máis crece con case 15.000 peregrinos máis ca o ano anterior. Resalta a súa gran internacionalización, xa que o 80% dos peregrinos e peregrinas son estranxeiros, destacando a presenza de estadounidenses (un 12,26%, 10.912 persoas) e de alemáns (un 10,6%, 9.438 persoas)”.   

 Ademais, máis de 3.850 peregrinos comezaron o seu camiño na nosa vila. Deste xeito, consolídase a posición da Guarda como punto clave do Camiño Portugués pola Costa, sendo o primeiro concello galego da ruta ao cruzar a fronteira fluvial desde Caminha.  

 O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, celebra os datos que  son unha mostra do esforzo e do traballo realizado a través de campañas de promoción e da presenza da Guarda en feiras de turismo e do Camiño de Santiago, como FITUR ou no encontro Miranda Jacobea”.  

 Os meses con maior afluencia foron setembro e maio, con 16.043 e 15.200 peregrinos respectivamente. De feito, de maio a outubro, os peregrinos do Camiño Portugués da Costa mantivéronse por riba dos 10.000 mensuais, sendo cada vez máis habitual atoparnos peregrinos polas nosas rúas. 

 “É un turismo crecente e máis desestacionalizado, dando traballo en meses como outubro, fóra da época turística por excelencia” resalta o alcalde. “Hai unha tendencia dos peregrinos a facer paradas máis longas no camiño para desfrutar da gastronomía e cultura dos sitios e aí A Guarda ten moito que ofrecer”.  

 Por iso, o Concello da Guarda continúa coa súa aposta polo turismo e o Camiño de Santiago tras un 2025 marcando cifras récord e con vista no Xacobeo 2027

Ningún comentario:

Publicar un comentario