As notas do Nadal resoan en Tui
• Actuacións na rúa e concertos no Teatro Municipal forman parte da programación do Camiño do Nadal
Infogauda / Tui
As notas do Nadal resoan nestas festas en Tui tanto nas rúas coma no Teatro Municipal. A música está presente no Camiño do Nadal que percorre a cidade até o próximo 6 de xaneiro.
Catro son os concertos que se van celebrar no Teatro Municipal. O xoves 11 ás 11.30 h terá lugar o II Certame de Coros Escolares. A día seguinte, venres 12 ás 20.30 h, as corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo protagonizarán o concerto “O Camiño da Estrela: de Tui a Belén”.
O alumnado e profesorado do Conservatorio tudense ofrecerá o concerto de Nadal o venres 19 ás 20 h. O venres 26 ás 20.30 h será a quenda do Concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Popular de Tui coa colaboración do grupo Píscore.
Non faltarán neste Camiño de Nadal as rondalla. Así a tudense O Mosteiro de Pexegueiro actuará este luns 8 e o domingo 21 ás 18 h na Corredoira, e o domingo 4 de xaneiro, ás 19 h, será a quenda da Rondalla Santa Eulalia de Atios. Tamén na Corredoira actuarán as Pandereteiras do Centro Sociocomunitario o martes 23 ás 19 h, e charanga A Tu Ritmo o domingo 28 ás 19.30 h. Haberá unha actuación especial de Nadal da orquestra Claxxon o sábado 27 ás 20 h tamén na Corredoira. No Espazo Sociocultural, da rúa Camilo Jose Cela, actuará o venres 12 ás 18 h o Conservatorio e a Escola Municipal de Música.
Por outra parte a música coral chegará á Residencia San Telmo, o luns, 22 co concerto da Coral do Centro Sociocomunitario; o martes, 23 ao Centro de Día Amoralia, coa Coral San Telmo; e o luns, 29 á Residencia Paz e Ben, coa Coral Ponte das Febres.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a gozar dun Nadal que “este ano volvemos encher de música, ilusión e encontro”. Engade que “a programación que presentamos é froito do traballo de numerosas entidades culturais, centros educativos e agrupacións que, coa súa dedicación, fan posible que Tui teña un Nadal vivo e participativo no que se pon en valor o talento local e a nosa tradición musical”.
Sonsoles Vicente amosa o seu agradecemento “a todas as persoas e entidades que farán que a música e a cultura nos acompañen e nos unan nestas festas tan especiais”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario