Presentación da novela “La ceguera de Dios” de Alberto Viso
• Este xoves, 4 de decembro, ás 19:00 horas, na sala “Félix Rodríguez González” no edificio “Francisco Sánchez”
Infogauda / Tui
Este xoves, 4 de decembro, ás 19:00 horas, na sala “Félix Rodríguez González” no edificio “Francisco Sánchez”, será presentada a novela “La ceguera de Dios” de Alberto M. Viso, unha obra audaz que combina o rigor histórico cunha excelente narrativa.
A presentación contará coa presenza do autor que será presentado por Miguel Abraira, profesor de historia no IES “San Paio” de Tui.
Este acto está organizado pola Libreria Nobel – Espazo Lector de Tui e conta coa colaboración da Biblioteca Municipal tudense.
Alberto M. Viso é doutor en historia e profesor de ensino medio, desenvolveu o seu traballo docente ao longo de varios anos no IES “San Paio” e nesta obra “La ceguera de Dios” entrelaza con mestría dúas tramas destinadas a converxer nun final tan inevitable como estremecedor. Unha historia de fe, poder e lealdade en tempos de fractura relixiosa e política. Un testemuño de como a historia tamén se escribe con sangue, segredos e convicción.
A obra desenvólvese nos anos máis escuros da Inglaterra isabelina, onde tres misioneiros xesuítas cruzan o limiar da súa patria convertida en terra inimiga. Perseguidos pola súa fe, acusados de traizón e espionaxe, o pai Edmund Campion e os seus discípulos emprenden unha viaxe brutal a través da persecución, a clandestinidade e a violencia, onde a salvación espiritual enfróntase á máis crúa ameaza física. Paralelamente, no corazón de Estremadura, a Duquesa de Feira —a formidable Lady Jane Dormer— lidera en segredo a resistencia católica desde o Palacio Ducal de Zafra. Rodeada de aliados e traidores, o seu mundo vese sacudido por intrigas, mortes e o longo brazo da espionaxe inglesa que non coñece fronteiras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario