Tomiño alza a voz nun 25N que conxuga mocidade e acción colectiva contra a violencia machista
• O Concello impulsa unha programación participativa co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en colaboración co equipo de Igualdade do IES Antón Alonso Ríos, os Sachos Violetas
Infogauda / Tomiño
Nun tempo no que as violencias machistas seguen tentando facerse invisibles, Tomiño decide alumealas con voz propia, creatividade e a forza dunha comunidade unida. Co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello impulsa unha programación en colaboración co equipo de Igualdade do IES Antón Alonso Ríos, os Sachos Violetas, que combina acción pública, educación, arte e conciencia crítica, cun papel central da mocidade tomiñesa.
Como é habitual o acto principal terá lugar o martes 25 de novembro ás 12.00 h, na praza do Seixo, onde os Sachos Violetas, encargarase da lectura do manifesto. A continuación, desenvolverase a acción colectiva “Tecendo liberdade”, unha intervención simbólica e participativa. Ademais, durante estes días poderá visitarse no Mercado de Tomiño a exposición “O feminismo non é necesario, verdade?”, unha mostra de traballos realizados polo alumnado do IES, que cuestiona estereotipos e convida a unha reflexión aberta sobre a igualdade real.
No ámbito educativo, tamén no IES Antón Alonso Ríos impartiranse obradoiros varios obradoiros para o alumnado: “Violencia sexual”, con ferramentas para identificar, previr e actuar ante condutas daniñas, coñecer os seus dereitos e fomentar relacións baseadas no respecto e no agarimo; “Non é unha opción, é unha realidade”, unha actividade de prevención da violencia machista para alumnado de formación profesional e ciclos; e “Falemos de sexo”, un obradoiro afectivo-sexual con perspectiva de xénero para o alumnado de Bacharelato.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembra que “Tomiño dispón todo o ano da oficina de Igualdade contra a violencia machista con acompañamento psicolóxico e xurídico especializado para atender ás mulleres vítimas. Está ben facer memoria no 25N, pero en realidade ás vítimas de violencia machista hai que atendelas durante todo o ano e aí é onde poñemos todos os nosos esforzos como Concello, na atención diaria ás vítimas, que é a máis invisible pero a máis necesaria”. Pode solicitarse cita previa nesta oficina chamando ao cita previa no 986 622 001.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar nas actividades e a sumar a súa voz a esta chamada común: nin unha muller menos, nin unha agresión máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario