A Xunta de Galicia premia unha intervención artística que crea dúas illas flotantes de madeira na lagoa do xardín literario da Cidade da Cultura
• O proxecto ‘A auga é un intre que aprendeu a quedar’ instalará dúas estruturas circulares, realizadas en madeira de castiñeiro e con técnicas de construción naval, que flotarán á deriva na lagoa levadas polo vento
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia acaba de seleccionar a proposta A auga é un intre que aprendeu a quedar como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nos espazos exteriores do Gaiás, convocado entre os e as participantes no XV Encontro de Artistas Novos, EAN15. Presentado polo deseñador e creador visual Diego Lara, este proxecto intervén sobre a lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura, deseñando dúas illas flotantes circulares e apostando pola madeira de castiñeiro como material de construción.
A convocatoria de intervencións artísticas do Encontro de Artistas Novos concíbese para impulsar o talento mozo e dar visibilidade ao traballo de creadores emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea recoñecida e consolidada como é o Encontro de Artistas Novos.
Cinguido en convocatorias anteriores ás Torres Hejduk, o certame ábrese nesta edición a outros espazos exteriores e naturais da contorna do Gaiás. Na selección da proposta gañadora, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, valoráronse especialmente cuestións como a sustentabilidade, a accesibilidade ou a acción social na concepción e desenvolvemento da proposta.
A auga é un intre que aprendeu a quedar parte dunha lectura contemporánea do territorio como unha paisaxe híbrida, resultado da interacción entre os sistemas naturais e a acción humana. Diego Lara deseña dúas illas circulares de 1,4 metros de diámetro, que se manteñen a flote na lagoa e, ao non estaren ancoradas ao fondo, se desprazan lentamente impulsadas polo vento.
As estruturas estarán realizadas en madeira laminada de castiñeiro, ensamblada segundo técnicas tradicionais de carpintería náutica. O artista aposta así por un material que está historicamente vencellado á arquitectura popular e á construción naval galega, representando un recurso sostible e un símbolo de identidade da nosa paisaxe rural. Ademais do seu valor cultural, o castiñeiro destaca pola súa resistencia á humidade e baixa densidade, calidades que o converten nun material idóneo para o uso exterior. Nesta intervención, a auga actúa tamén como axente transformador no envellecemento natural da madeira, integrando o paso do tempo como parte do proceso estético e conceptual.
A intervención, que será inaugurada no verán de 2026, busca xerar un cambio de ollada, activando a conciencia sobre o territorio común como lugar de encontro, memoria e responsabilidade compartida. A través da arte proponse un diálogo entre o patrimonio natural e cultural de Galicia e os desafíos ambientais contemporáneos, convertendo a auga, no actual contexto de crise ecolóxica, en elemento de reflexión sobre a relación entre as persoas e a contorna.
Sobre Diego Lara
Diego Lara (Madrid, 1993) desenvolve o seu traballo desde o deseño gráfico, explorando os límites do debuxo e da imaxe ata chegar a unha práctica escultórica que dialoga cos contextos que habita. A súa obra, marcada por unha ollada introspectiva vencellada á natureza e á abstracción, articúlase a través de accións esenciais como moldear, estampar ou pregar, entrelazando o íntimo co funcional e co imaxinario.
A súa traxectoria foi recoñecida con premios e bolsas como a residencia de Acción Cultural Española (AC/E) e Domaine de Boisbuchet (Francia, 2025) ou o Encontro de Artistas Novos XV (Santiago de Compostela, 2025). Realizou exposicións individuais en Espacio Araña, Espacio Local ou Mad is Mad, e participou en colectivas en Mad is Mad, Festival Proyector, Festival Lovisual, Museo Carmen Thyssen ou Pulp Festival. Ademais, coordina a editorial MadLibro desde 2016, é profesor de tipografía e ecodeseño no IED Madrid e cursa o Máster en Investigación en Arte e Creación na Universidade Complutense de Madrid.


Ningún comentario:
Publicar un comentario