21 de nov. de 2025

O ROSAL

O Rosal planta cara á violencia machista este 25N revolucionando mentes   

  Actos institucionais, música, cine ou unha exposición forman parte da programación do Concello para visibilizar e axitar conciencias 

 



Infogauda / O Rosal 

 A loita contra a violencia machista volve ocupar o centro da vida pública no Rosal cunha programación do 25N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres) deseñada para emocionar, interpelar, mobilizar e seguir revolucionando mentes. Un calendario de actividades que aposta pola reflexión colectiva, pola memoria das vítimas e por unha mensaxe clara: o compromiso coa igualdade non pode deterse nin un só día. 

 O acto central terá lugar o martes, 25 ás 12.00 h nos baixos do Concello en caso de choiva), cun acto de homenaxe ás vítimas, unha intervención musical a cargo de integrantes da Agrupación Musical do Rosal e a inauguración da exposición de cartelería contra a violencia de xénero da Delegación de Goberno, unha mostra que percorre anos de campañas, mensaxes e esforzos institucionais por erradicar unha das maiores vulneracións de dereitos humanos do noso tempo. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, lembra que esta data “non é só un símbolo, senón unha chamada á responsabilidade colectiva. A violencia machista segue presente e require do compromiso firme de institucións e cidadanía, por iso apostamos por unha programación que axude a comprender, acompañar e transformar”. 

 A programación continuará o xoves 27 de novembro ás 17.00 h, na tapería A Praza, co encontro ‘Café en igualdade’, que nesta ocasión abordará a cultura da violación, un fenómeno que normaliza e sostén múltiples formas de violencia sexual. A sesión estará guiada pola educadora social Angelina Gándara, quen achegará ferramentas para desmontar estereotipos e comprender os mecanismos sociais que perpetúan este tipo de violencias. 

 A concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, subliña que “a educación e a conversación aberta son fundamentais para cambiar mentalidades. Non abonda con denunciar: temos que entender, cuestionar e desaprender moitos mandatos sociais que alimentan a desigualdade. Esta programación nace precisamente para iso”. 

 O peche das actividades chegará o sábado, 29 de novembro, ás 19.00 h no Auditorio Municipal coa proxección da película de Icíar Bollaín ‘Yo soy Nevenka’, recomendada para maiores de 12 anos. Tras o filme, o público poderá manter un diálogo en directo coa propia Nevenka Fernández, que se conectará para compartir reflexións e responder preguntas. 

 O Concello do Rosal invita a toda a veciñanza a participar nun 25N que, unha vez máis, aposta por combinar sensibilización, memoria, arte e educación para avanzar cara a un municipio libre de violencias machistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario