21 de nov. de 2025

SALVATERRA DE MIÑO

O BNG emendará os Orzamentos 2026 para cubrir as baixas de médicos en Salvaterra e crear un servizo de urxencias de tarde 

  Pontón avanza que tamén proporá unha partida de 300.000 € para o proxecto da ponte internacional con Portugal que mellore a conexión da PLISAN 

  Recolle as demandas da comunidade educativa que o Bloque levará ao Parlamento para mellorar instalacións e persoal nos centros do concello 

 A líder nacionalista destaca o potencial económico do municipio tras visitar varias empresas de distintos sectores produtivos 

 

Ana Pontón, acompañada da portavoz do BNG no concello, Patricia Mariño, e integrantes do grupo municipal, así como da deputada pola comarca Cristina Fernández, escoitando as inquedanzas dun comerciante da localidade

Fotos: Cedidas

A portavoz nacional, Ana Pontón, e membros do grupo municipal do BNG, noutro momento da súa visita a Salvaterra de Miño


Infogauda / Salvaterra de Miño 

 A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a Salvaterra de Miño para anunciar algunhas das iniciativas que vai desenvolver o BNG no Parlamento co obxectivo de impulsar melloras no concello, fundamentalmente no ámbito dos servizos públicos e das infraestruturas.   

 En primeiro lugar, Pontón avanzou que o Bloque vai presentar unha emenda dotada con 250.000 euros aos Orzamentos da Xunta para 2026 para que se cubran as baixas dos médicos e médicas de Salvaterra e para dotar ao concello dun servizo de urxencias pola tarde.  

 “É unha cuestión básica”, sintetizou en declaracións aos medios logo dunha xornada na que mantivo distintos encontros coa comunidade educativa e visitou varias empresas para coñecer de primeira man o tecido económico do municipio, acompañada da portavoz do BNG no concello, Patricia Mariño, e integrantes do grupo municipal, así como da deputada pola comarca Cristina Fernández.  

 A líder nacionalista criticou o deterioro que se está producindo nos servizos públicos como consecuencia dos “recortes e das privatizacións que se levan facendo case 20 anos desde o Goberno do Partido Popular”, unha política que, concretamente na sanidade, está provocando listas de espera na atención primaria.  

 “Un exemplo é o que está pasando aquí, onde moitas persoas que piden cita non a van ter até case mediados de decembro e onde tamén se converteu en habitual que non se cubran as baixas de médicos e isto provoca unha sobresaturación que está poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas de Salvaterra”, advertiu.  

 En segundo lugar, Pontón tamén avanzou que o Bloque levará ao Parlamento a mellora de instalacións e persoal nos centros de ensino do concello, logo de denunciar que unha parte do alumando con necesidades educativas especiais está sufrindo desatención porque o Goberno de Alfonso Rueda -“que gasta 6.000 euros ao día en publicidade e propaganda”, recalcou- non é capaz de garantizarlles a estes nenos e nenas “a atención que merecen e á que teñen dereito”, ou tampouco é quen de levar a cabo a ampliación e mellora pola que leva tanto tempo esperando o instituto de Salvaterra.  

 Por último, a portavoz nacional puxo o foco nas infraestruturas que considerou “básicas” para mellorar a mobilidade no concello e contribuír ao desenvolvemento do seu sector produtivo.   

 Neste sentido, recordou que a PLISAN tiña que ter unha conexión directa con Portugal, unha obra que segue sen acometerse até o momento, o que provoca que todo o núcleo e o casco urbano de Salvaterra teña que soportar un volume de tráfico pesado moi importante, algo que desde o punto de vista da seguridade cidadá “non debería darse á altura do ano 2025”, incidiu.  

 Por iso, anunciou que o BNG presentará unha emenda de 300.000 euros nos Orzamentos da Xunta para que se comece a acometer o proxecto desa ponte internacional que permita, alegou, “mellorar as posibilidades de mobilidade da propia PLISAN e, ao mesmo tempo, desenvolver unha mobilidade amable e propia do século XXI no núcleo urbano”.  

 Propostas todas elas que, explicou, foron elaboradas co grupo municipal do Bloque liderado por Patricia Mariño do que salientou o “extraordinario traballo” que está a desenvolver e do que remarcou “ten un proxecto para darlle futuro” a Salvaterra, porque a formación nacionalista cre en todo o potencial do municipio.  

 “Sabemos que este concello ten enormes posibilidades, pero tamén que se necesita todo o compromiso que ten que ter un Goberno galego que, neste momento, está demostrando o abandono de Salvaterra e, por iso, o BNG vai seguir traballando para que todas estas cuestións se solucionen”, concluíu.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario