Luis López anuncia unha nova edición do programa que concederá ata 10.000 euros a 245 comunidades de augas da provincia, a través dun investimento de máis de 2,3 millóns de euros
“Aprobados case 5 millóns de euros nunha semana para dar resposta á elevadísima demanda do movemento veciñal, ignorada polo anterior goberno da Deputación, que, para nós, ten un papel fundamental no desenvolvemento da nosa provincia e no benestar da nosa veciñanza”, subliñou o presidente
Infogauda / Pontevedra
Tras ter aprobado as axudas do +Novaqua, dotadas con 340.000 €, e do Plan Provincia Comunitaria, con 2,1 millóns de euros, esta semana é a quenda da última das tres liñas que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para o tecido asociativo e veciñal da provincia: o Plan +Aqua. O presidente do organismo, Luis López, acaba de anunciar a concesión de máis de 2,3 millóns de euros para 245 comunidades de auga da provincia que recibirán contías que oscilan entre os 6.100 e os 10.000 euros.
En liñas xerais, tal e como detallou o presidente, "aprobamos case 5 millóns de euros nunha semana para dar resposta á elevadísima demanda do movemento veciñal, ignorada polo anterior goberno da Deputación, que, para nós, ten un papel fundamental no desenvolvemento da nosa provincia e no benestar da nosa veciñanza". Neste eido, o presidente remarcou o éxito da convocatoria, á que se presentaron 370 solicitudes das que 245 entidades pertencentes a 46 concellos cumprían todos os requisitos.
Coas axudas provinciais, que oscilan entre os 6.100 e 10.000 euros por comunidade de augas, será posible levar a cabo traballos de mellora das súas infraestruturas e da súa rede de distribución, acondicionar depósitos, construír pozos de barrena e depósitos novos, mellorar a calidade e o control da auga ou, entre outras, instalar paneis fotovoltaicos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario