21 de nov. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación aproba axudas por valor de 337.000 € para Cambados, Redondela e Tui ao abeiro do +Provincia 

O presidente Luis López recordou que se tratan de “axustes e reinvestimentos de recursos xa concedidos previamente cos que Redondela cubrirá a achega municipal correspondente á humanización da contorna da Praza da Petanca; Tui executará a cuberta curva no campo de fútbol Álvarez Durán; e Cambados adecuará a cuberta das gradas do campo de Burgáns”


Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas por valor de 337.000 € para Cambados, Redondela e Tui ao abeiro do +Provincia. O presidente provincial Luis López recordou que se tratan de “axustes e reinvestimentos de recursos xa concedidos previamente cos que Redondela cubrirá a achega municipal correspondente á humanización da contorna da Praza da Petanca; Tui executará a cuberta curva no campo de fútbol Álvarez Durán; e Cambados adecuará a cuberta das gradas do campo de Burgáns”.  

 No caso de Redondela trátanse de 144.000 euros que se suman a outros preto de 700.000 euros destinados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Extra para financiar a humanización da contorna da Praza da Petanca. Unha actuación que permitirá revitalizar e renovar este espazo, dotándoo de uniformidade e aproveitando o desnivel para construír unha bancada e un auditorio ao aire libre. Ademais instalarase un ascensor para salvar o desnivel da parcela e novo mobiliario urbano con bancos, fontes e aparcabicis.  

 No caso de Tui, serán 102.100 euros para a cuberta curva no campo de fútbol municipal Álvarez Durán que solucionarán as súas problemas de drenaxe. Neste espazo tamén se instalarán novas luminarias, canalizacións e caixas de conexión renovadas.  

 Ademais a Cambados destinará 91.000 euros para adecuar a cuberta actual das gradas do campo de fútbol municipal de Burgáns. Con estes recursos, a vila vai dar solución ao mal estado desta instalación que obrigou a pechar a zona despois de que levase anos corroéndose e lle caesen cascallos de óxido ao público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario