Tomiño investirá máis dun millón de euros na praza da igrexa de Santa María de Tebra
• O proxecto actuará sobre máis de 2.300 m2 con actuacións singulares poñendo en valor o patrimonio da igrexa románica, do Tetón e da Torre de Tebra
• Levarase a cabo a rehabilitación da Casa do Teodosio, o cruceiro de Tebra ou a contorna do cemiterio, así como a adecuación dun espazo para aparcadoiro
• Mellorarase a estrada de entrada á parroquia creando unha infraestrutura de mobilidade peonil co centro social, os equipamentos educativos e outros servizos comunitarios
Infogauda / Tomiño
Transformar un dos enclaves máis simbólicos de Tebra nun espazo seguro, accesible e pensado para as persoas. Ese é o reto que o Concello de Tomiño levará a cabo coa próxima recuperación integral da contorna da igrexa románica de Santa María de Tebra, unha intervención que superará o millón de euros de investimento e que marcará un antes e un despois na vida comunitaria da parroquia.
O Concello deu xa o primeiro paso coa adquisición, por 140.000 euros, dunha parcela estratéxica de 2.300 metros cadrados situada fronte á fachada do templo. A nova praza permitirá crear un espazo de encontro para veciños e visitantes ademais de realzar o seu excepcional valor patrimonial.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza e unha aposta estratéxica do Concello “por seguir recuperando espazos públicos para as persoas. A praza fronte á igrexa será un lugar vivo, un punto de encontro para toda a parroquia e unha oportunidade para poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural”. A rexedora explicou tamén que o proxecto non só mellorará a estética e a funcionalidade da contorna, senón que terá impacto directo na calidade de vida da veciñanza “ao crear un núcleo de centralidade en Tebra, un espazo seguro e accesible onde convivir, camiñar e participar. É unha aposta polo patrimonio, pola mobilidade e polo futuro da parroquia”.
Un proxecto que conecta patrimonio, vida social e mobilidade segura
O Concello elaborou o proxecto ‘Recuperación do espazo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra’ tras un proceso participativo co tecido veciñal e asociativo que incorpora unha visión global da parroquia e que deu como resultado das súas demandas este proxecto tan ambicioso.
Entre as actuacións previstas inclúense a creación dunha praza pública aberta e multifuncional na que se integrará en porá en valor o patrimonio como a propia igrexa, unha xoia románica do século XII que conta cunha das poucas torres do campanario viradas de toda Europa. Tamén se porán en valor o Tetón ou outros elementos naturais existentes e se incluirá a rehabilitación da Casa do Teodosio, do cruceiro de Tebra ou da contorna do cemiterio.
O proxecto inclúe tamén adecuación dun espazo para aparcadoiro e o estudo de renovación de infraestruturas como alumeado público pero tamén daquelas que non se ven, como o saneamento ou o soterramento de telecomunicacións. Xunto a isto, o Concello actuará na mellora da estrada de acceso á parroquia, creando unha infraestrutura peonil accesible e segura que conectará a nova praza co centro social, o colexio e os equipamentos culturais, facilitando a mobilidade do día a día.
Un novo corazón para Tebra
O conxunto da intervención permitirá cohesionar os espazos históricos e culturais da parroquia e crear un nodo de vida comunitaria, capaz de acoller desde actividades relixiosas ata encontros veciñais, celebracións, propostas culturais e iniciativas económicas locais.
Con este proxecto, Tomiño reafirma o seu compromiso coa recuperación de espazos públicos de calidade nas parroquias, coa protección do patrimonio e cun modelo de mobilidade sostible e accesible para todos os públicos replicando o modelo de éxito que o Concello fixo nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián. “Tebra merece un espazo á altura da súa identidade, da súa historia e da súa veciñanza, e ese é o camiño que estamos a construír xuntos”, concluíu a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario