As comunidades costeiras coinciden na necesidade de modificar a lei de costas estatal para garantir o exercicio pleno das súas competencias sobre o litoral
• Ángeles Vázquez anima ao resto de autonomías a asumir a xestión plena da súa franxa costeira e insiste en que é o momento de reformar a normativa nacional para adaptala á realidade e ás necesidades actuais
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático clausurou o I Cumio do litoral, coa participación de representantes autonómicos do resto de España
Foto: X.G.
Infogauda / Baiona
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, clausurou hoxe o I Cumio do litoral, onde salientou a coincidencia das comunidades costeiras participantes en que é necesario modificar a lei de costas estatal coa finalidade de garantir o exercicio pleno das competencias sobre o litoral por parte dos Gobernos autonómicos.
A representante da Xunta animou a todas as comunidades que aínda non xestionan plenamente a súa costa a facelo, para avanzar no autogoberno, e destacou a importancia de contar cunha normativa estatal adaptada á realidade e ás necesidades actuais para evitar trabas innecesarias como as que sufriu Galicia para acadar o exercicio pleno das competencias que lle recoñecía o Estatuto de Autonomía neste eido.
Neste sentido, lembrou que a comunidade galega comezou o pasado 1 de xullo a xestionar plenamente a súa costa tras superar os obstáculos postos polo Goberno central, como o recurso de inconstitucionalidade interposto contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que foi tombado polo Tribunal Constitucional, que avalou a normativa galega e a potestade da Xunta para xestionar e ordenar o dominio público marítimo-terrestre da comunidade.
Ángeles Vázquez incidiu en que Galicia está a disposición do resto de comunidades para liderar esa demanda de reforma da lei de costas ante o Goberno central co obxectivo de fortalecer os vínculos que unen ás comunidades costeiras e de avanzar no necesario equilibrio entre a protección ambiental e o desenvolvemento social e económico da franxa costeira. De feito, confiou en que a Loxilga, unha normativa que precisamente se basea nese principio, sexa a chave que abra a porta a reformar a normativa estatal.
A conselleira puxo en valor a importancia de que as comunidades manteñan contactos e colaboren en materias como a xestión da costa e a relevancia de foros coma este I Cumio do litoral para aproveitar sinerxías e avanzar da man nesta cuestión. Por iso, confiou en que detrás deste cumio veñan moitos máis para seguir compartindo experiencias e mellorando a ordenación do dominio público marítimo-terrestre.
Agradecementos
Nesta liña, agradeceu a participación e presenza de conselleiros, viceconselleiros, directores, subdirectores e técnicos de distintas comunidades costeiras de España -País Vasco, o Principado de Asturias, Cantabria, Canarias, as Illas Baleares, Andalucía, Comunidade Valenciana e Cataluña-, senadores, deputados, axentes sociais e económicos e representantes da cadea mar-industria así como doutras entidades con intereses no eido marítimo-costeiro.
A maiores, quixo facer un agradecemento especial para aqueles que participaron nos distintos relatorios ou mesas redondas, como o maxistrado do Tribunal Constitucional César Tolosa, poñente da sentenza que avalou a Loxilga fronte ao recurso do Goberno central, ou o director do Observatorio do litoral de Galicia, Javier Sanz Larruga, que xunto á catedrática da Universidade da Coruña, Marta García, foi un dos responsables da elaboración da norma galega de xestión da costa.
Ángeles Vázquez tamén tivo unha mención especial para o director do programa de Ciencias Mariñas e investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo -que depende do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)-, Francisco Saborido, por expoñer os desafíos aos que se enfronta a costa galega, e para o vicepresidente segundo da Comunidade Valenciana, Vicente Martínez, que expuxo as novidades que introduce a lei valenciana do litoral, que foi aprobada en maio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario