18 de nov. de 2025

O ROSAL

O Rosal avanza na compostaxe doméstica cunha nova entrega de composteiros 

  Terá lugar o xoves, 20 de novembro, ás 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Concello 




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa avanzando cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible coa celebración dunha nova charla informativa e entrega de composteiros. A actividade terá lugar o xoves 20 de novembro ás 20:00 h na Sala de Exposicións do Concello. 

 Durante a sesión, de arredor de 45 minutos a 1 hora de duración, o persoal técnico explicará de xeito práctico o material que se entrega ás persoas participantes, o proceso de montaxe e mantemento do composteiro, así como consellos e boas prácticas para acadar un compost de alta calidade. 

 Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a compostaxe doméstica é unha das ferramentas máis efectivas para reducir residuos e camiñar cara a un Rosal máis sostible. É un orgullo ver como cada vez máis familias súmanse á compostaxe e como rosaleiros e rosaleiras están demostrando que teñen vontade de cambiar hábitos e de coidar a súa contorna e dende o Concello queremos acompañalas con formación, recursos e apoio técnico”. 

 Esta acción forma parte do programa municipal de compostaxe doméstica, a través do cal numerosas familias do Rosal xa transforman os seus biorresiduos en compost, reducindo a cantidade de lixo que se xera e contribuíndo a pechar o ciclo da materia orgánica no propio fogar. 

 As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: https://medioambiente.orosal.gal Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal

 Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario