27 de nov. de 2025

CULTURA

Valentín García enxalza “un dos nosos autores máis universais” no 10º aniversario do pasamento de Xosé Neira Vilas 

 O secretario xeral da Lingua gabou “a importancia dun intelectual que contou a historia de Galicia desde a aldea”  

  García presenta a obra ‘Correspondencia 1965-2014’ publicada pola editorial Galaxia que reúne as epístolas que intercambiaron nesa época o autor e Xesús Alonso Montero  

   No marco da conmemoración do pasamento, o Centro Dramático Galego estreará este xaneiro a produción ‘Memorias dun neno labrego’ 


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, co académico Xesús Alonso Montero
Foto: Arquivo P. L.


Infogauda / Vila de Cruces 

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta mañá na presentación do libro Correspondencia 1965-2014, publicado pola Editorial Galaxia, e que recolle as epístolas que intercambiaron nesa época Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Alí enxalzou “a posta en valor dun dos autores galegos máis universais” ao cumprirse hoxe 10 anos do seu pasamento. 

 Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou “a importancia dun intelectual que contou a historia de Galicia desde a aldea” e “que se autodenominaba un xornaleiro da lingua”. Neste senso, fixo fincapé en que se trata “dun epistolario que dá conta do compromiso dos escritores co galego no seu eido privado”, puntualizando que esta publicación supón “unha maneira de fortalecer a nosa lingua”. Fíxoo acompañado por Fernando Redondo Neira, Xesús Alonso Montero e Xosé Manuel Soutullo. 

 Cómpre lembrar que no marco deste 10 aniversario do falecemento de Xosé Neira Vilas, o Centro Dramático Galego traballa xa na primeira fase dos ensaios da próxima produción de Memorias dun neno labrego baixo a dirección de Cándido Pazo. A compañía da Xunta de Galicia conmemora así esta data levando ás táboas xunto á compañía Contraproducións unha nova versión teatral desta obra referencial da literatura galega, que poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela do 8 de xaneiro ao 25 de xaneiro de 2026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario