27 de nov. de 2025

CULTURA

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de ‘Memorias dun neno labrego’ baixo a dirección de Cándido Pazó 

 A unidade teatral da Xunta de Galicia e a compañía Contraproducións conmemoran o 10º aniversario do pasamento de Neira Vilas coa versión teatral da súa famosa obra, que se estrea en Santiago de Compostela o 8 de xaneiro 

 Xa están á venda as entradas para as funcións que terán lugar no Salón Teatro ata o 25 de xaneiro


O director Cándido Pazó co elenco e o resto do equipo de Memorias dun neno labrego na primeira fase dos ensaios da próxima produción do Centro Dramático Galego
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 O director Cándido Pazó traballa xa co elenco e o resto do equipo de Memorias dun neno labrego na primeira fase dos ensaios da próxima produción do Centro Dramático Galego, coa que a compañía da Xunta de Galicia lembrará a figura de Xosé Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento. Faino levando ás táboas xunto á compañía Contraproducións unha nova versión teatral desta obra referencial da literatura galega, que poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela do 8 de xaneiro ao 25 de xaneiro de 2026. 

 Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos interpretarán os episodios máis representativos da icónica novela do autor de Vila de Cruces, que marcou varias xeracións lectoras na nosa Comunidade. No espectáculo, as lembranzas de Balbino, o rapaz da aldea, presentaranse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e dunha relación directa e amena co público. 

 O espectáculo seguirá a voz sincera e sensible deste neno, fillo de labregos pobres, que está a medrar nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Así, Balbino narra a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a familia, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir dun destino xa escrito. 

 Ademais da dirección, Cándido Pazó asina esta adaptación teatral da novela de Neira Vilas, que a día de hoxe segue a ser a máis traducida da historia da literatura galega.  Para o deseño da súa proposta escénica conta tamén con Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario, Xosé Lois Romero na música, Afonso Castro na iluminación e Belén Pichel na axudantía de dirección. 

 A venda anticipada de billetes para as funcións de Memorias dun neno labrego no Salón Teatro está xa dispoñible na web entradas.ataquilla.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario