25 de nov. de 2025

A GUARDA

Orpagu destaca os avances técnicos logrados en ICCAT e reclama seguir traballando para que todas as partes operen baixo as mesmas regras  

  A organización subliña a autorización do uso experimental de aros no palangre de superficie, a posibilidade de descartar marlins e a revisión científica do stock de marraxo dientuso do Atlántico Norte en 2026  

  Juana Parada, directora xerente de Orpagu, afirma que o sector leva anos reclamando unha avaliación actualizada do marraxo e valora o chamamento do presidente de ICCAT para reforzar a xestión das quenllas 


Juana Parada, na reunión celebrada en Sevilla
Foto: Cedida

Mar Bermúdez / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) valorou hoxe os principais acordos adoptados na 29ª Reunión Ordinaria de ICCAT, celebrada en Sevilla entre o 17 e o 24 de novembro, destacando que, a pesar da complexidade das negociacións, rexistráronse avances significativos para a frota de palangre de superficie. 

 Entre eles, a directora xerente de Orpagu, Juana Parada, subliñou a aprobación do uso experimental de aros, unha proposta impulsada pola Unión Europea que permitirá desenvolver proxectos piloto ata 2028 e que, en función da análise técnica posterior, podería abrir a porta a unha autorización plena no futuro. “É un paso relevante que levabamos tempo esperando”, sinalou. 

 Así mesmo, considera positivo que se recoñeceu a necesidade de permitir os descartes de marlín azul e branco, unha medida longamente demandada polo sector e que agora queda regulada para todas as CPC.  

 Outro dos elementos que Parada cualificou como “clave” é a decisión do Comité Científico (SCRS) de levar a cabo en 2026 unha nova avaliación do stock de marraxo dientuso do Atlántico Norte, tendo en conta a dispoñibilidade de información científica recente que podería modificar a interpretación actual sobre a idade de maduración desta especie. “Desde 2017 vimos defendendo a importancia de actualizar este diagnóstico con datos novos e sólidos. É fundamental para a credibilidade do proceso e para a xestión responsable”, afirmou. 

 En canto ao debate sobre aletas adheridas, que non logrou consenso, lembrou que o sector leva moito tempo defendendo a necesidade de que “todas as partes operen baixo as mesmas regras do xogo”, especialmente naquelas medidas que contan cun amplo respaldo técnico e político. “É imprescindible que a discusión avance e que ninguén quede fóra dun marco común”, destacou Parada. 

 A directora xerente quixo remarcar tamén a mensaxe trasladada na sesión de clausura polo presidente de ICCAT, quen instou a todos os membros a tomarse en serio a adopción de medidas de xestión e conservación das quenllas se non se quere que outros organismos internacionais ambientalistas, como CITES, terminen asumindo un papel maior na súa regulación. “É un recordatorio moi claro da responsabilidade colectiva que temos”, apuntou Parada. 

 Orpagu continuará participando activamente nos grupos de traballo científicos e técnicos para asegurar que as decisións de ICCAT baséense en información fiable e nunha xestión equilibrada para todas as frotas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario