A Guarda di non á violencia machista cun manifesto creado entre os diferentes centros educativos da localidade
• Neste 25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Infogauda / A Guarda
A cidadanía de A Guarda di non á violencia de xénero. Esta mañá, unha representación da comunidade veciñal concentrouse na praza do Reló para unirse contra as diferentes violencias que se exercen contra as mulleres.
Durante a concentración, a concelleira de Igualdade, Susana Álvarez Castro, recordou que “só podemos loitar contra a violencia, xuntos e xuntas”.
Despois, alumnado de diferentes centros escolares, IES A Sangriña, San Xerome, PP. Somascos e San José-Vedruna, pronunciaron as súas proclamas e manifestos. Neles, reflexionaron sobre a violencia sexual, o medo, a presión estética,..., e a valentía das mulleres para pedir axuda e saír das situacións de violencia.
Antes de rematar o acto, o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, invitou a “reflexionar sobre o significado da violencia de xénero”. Ademais, recordou “o importante labor do Centro da Información á Muller (CIM) de A Guarda, que loita cada día contra a violencia machista”.
Como peche, gardouse un minuto de silencio para lembrar a todas as vítimas de violencia de xénero.

Ningún comentario:
Publicar un comentario