30 de out. de 2025

VIGO

A CIG mobilízase no Cluster de Automoción para reclamar accións urxentes ante a continua perda de emprego no sector 

  Persoas traballadoras e delegadas sindicais desenvolveron unha concentración no CEAGA en Vigo en defensa da industria do automóbil 


Persoas traballadoras e delegadas da CIG no sector da automoción mobilizáronse hoxe diante da sede do Custer de Automoción e Mobilidade de Galiza (CEAGA) 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Persoas traballadoras e delegadas da CIG no sector da automoción mobilizáronse hoxe diante da sede do Custer de Automoción e Mobilidade de Galiza (CEAGA) para demandar actuacións urxentes ante o avance da crise na industria do automóbil galega, que está a provocar despedimentos constantes e paradas na produción. 

 A protesta coincidiu precisamente cunha nova parada de Stellantis que se manterá até o domingo, tal e como sinalou a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García. “Centos de compañeiras e compañeiros van para casa por ERE ou por ERTE mentres as empresas continúan a recibir millóns de euros de axudas públicas para proxectos que logo non repercuten no mantemento do emprego aquí, senón que se deslocaliza para outros  países, antes Portugal e agora Marrocos ou Arxelia”. Neste senso, lembrou que o CEAGA recibiu nos últimos anos até 22 millóns de euros só da Xunta de Galiza, mais tamén fondos europeos e do Estado español. 

 Ao tempo que denunciou unha crecente precarización e flexibilización das condicións laborais, que sumado á continua destrución de emprego (o CTAG vén de anunciar un ERE para 150 persoas e AKWEL despediu outras 84) deixan o sector nunha situación crítica. “Levamos tempo advertindo o que ía suceder e chamábannos bárbaros, e mesmo convocamos unha folga -a primeira da historia do sector- na que tivemos que enfrontarnos ás empresas, á administración e ao resto de sindicatos”. Pois un ano despois -lamentou- o sector perdeu o 5% dos postos de traballo: “1.400 compañeiros e compañeiras foron ao paro na situación actual de carestía da vida que sufrimos”. 

 Finalmente, anunciou que a central sindical vai continuar coas mobilizacións para poñer enriba da mesa a necesidade de contar cunha política industrial de país que garanta un sector da automoción con futuro e cunhas condicións laborais dignas. Política industrial da que carece a Xunta, “e que o único que fai é subvencionar as empresa, en definitiva o capital, deixando as persoas traballadoras en segundo plano”, tal e como censurou o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde.  

 “Con esta campaña de protestas queremos poñer de manifesto que os procesos de descarbonización nos que estamos inmersos están afectarnos moi negativamente, xa que se están a trasladar axudas europeas mentres as persoas traballadoras padecen cada vez máis precariedade”, detallou o responsábel sindical.  

PRINCIPAIS PROPOSTAS DA CIG PARA A AUTOMOCIÓN: 

Un Plan Industrial para a Automoción galega vencellado ao novo PERTE VEC IV. 

Axudas públicas vinculadas a creación, estabilidade e mantemento do emprego en Galiza. 

Fin dos ERTE abusivos e da precarización do sector. 

Garantir proxectos de futuro como a instalación dunha fábrica de baterías. 

Investimento público e garantías para a instalación dun novo fabricante de vehículos na PLISAN.

Ningún comentario:

Publicar un comentario