3 de out. de 2025

TUI

Nove actividades conforman a programación do Mes da Biblioteca 

 A Biblioteca Municipal organiza esta programación co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro 




Infogauda / Tui

 Nove actividades conforman o programa co que a Biblioteca Municipal de Tui vai celebrar o “Mes da Biblioteca” coincidindo co Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro.  Dende 1997 esta conmemoración é impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, e á mesma fóronse sumando, xa dende hai algún tempo, as bibliotecas nas súas diversas modalidades e titularidades.  

 O lema deste ano "Contra a desinformación: bibliotecas" pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.  

 As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso axeitado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. O cartel conmemorativo deste ano 2025 é obra da ilustradora Laura Wächter.  

 A programación do Mes da Biblioteca aborda varias liñas de actividades para achegar aos diversos sectores sociais a súa oferta de información, formación e lecer.  

 Así por unha parte ao longo de todo este mes o Paseo de Corredoira acollerá unha exposición titulada “Tui en letras” con oitos poemas escolmados vinculados á nosa cidade e a súa contorna.  

 Por outra parte dende o xoves 9 a Sala Municipal de Exposición acollerá a exposición fotográfica fotografía “Destino” unha peregrinación” de Manuel Valcárcel, de Afundación.  

 Ademais ao longo do mes de outubro haberá catro contacontos para os usuarios máis cativos da Biblioteca Municipal. O martes 7 Trinketrinke Teatro presentará “Viaxes e cancións dos ratos de Lonxetodo”, o martes 14 Lalá Teatro acollerá “Estás como unha cabra”, o martes 21 Manuela Contacontos achegará “O gato con contos”, e o por último o venres 24 Lucía Aldao contará “A vez que vivín nun libro”. Todas estas actividades serán ás 17.30 h.  

 Amais o mércores 8, ás 19 h terá lugar unha visita guiada á biblioteca de cinema de Daniel Domínguez a cargo de Ángeles García e Ángel Sánchez e Pablo Comesaña de Play Doc.  

 O sábado 18, ás 19 h, haberá a presentación da primeira novela do tudense Alfonso Fontenla Fernández “La metáfora de las canicas”.  

 Finalmente o sábado 25, ás 17.30 h, a Biblioteca colabora no recital poético promovido polo escultor Diego de Giráldez arredor da escultura de D. Ricardo García, no Paseo da Corredoira.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que esta nova proposta de actividades da Biblioteca Municipal é unha excelente oportunidade para achegarse a este centro bibliotecario que traballa cada día para ser un espazo de proximidade coa cidadanía, un ámbito de socialización e intercambio de ideas, que procura facilitar o acceso a información e o coñecemento a todos e todas se exclusión algunha, cun acceso libre, gratuíto e superador das fendas sociais.  

OUTUBRO MES DA BIBLIOTECA  

Martes 7 

Contacontos “Viaxes e cancións dos ratos de Lonxedetodo” con Trinketrinke Teatro 

Biblioteca Municipal – 17,30 h. 

Programa “Ler conta moito” 

Mércores 8 

Visita guiada á Biblioteca de cinema de Daniel Domínguez. 

A cargo de Ángeles García e Ángel Sánchez e Pablo Comesaña, promotores de Play Doc. 

Biblioteca Municipal - 19,00 horas. 

Xoves 9 

Exposición de fotografía “Destino” unha peregrinación de Manuel Valcárcel, de Afundación. 

Ata 9 de novembro. Sala Municipal de Exposicións 

– Inauguración ás 11,00 horas. 

Martes 14 

Contacontos para bebés: “Estás como unha cabra” de Lalá Teatro 

Biblioteca Municipal – 17,30 horas 

Programa “Ler conta moito” 

Sábado 18 

Presentación da novela “La metáfora de las canicas” do tudense Alfonso Fontenla Fernández 

Sala “Félix Rodríguez González” – 19,00 h. 

Martes 21 

Contacontos “O gato con contos” con Manuela contacontos 

Biblioteca Municipal – 17,30 h. 

Programa “Ler conta moito” 

Venres 24: Día da Biblioteca 

Contacontos “A vez que vivín nun libro” con Lucía Aldao 

Biblioteca Municipal – 17,30 h. 

Programa “Ler conta moito” 

Sábado 25 

Recital poético no paseo da Corredoira promovido polo pintor Diego de Giráldez (autor da escultura a D. Ricardo García) 

Paseo da Corredoira – 17,30 h. 

Durante todo o mes: 

Exposición “Tui en Letras” no paseo da Corredoira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario