3 de out. de 2025

TUI

Tui logra máis de 4,3 millóns de euros en fondos europeos e consolídase como referente na captación de recursos en Galicia 

O Concello tudense constituíu unha Área Funcional xunto ao de Salvaterra para optar a esta convocatoria  


Vista do río Miño
Foto: Gus Abreu

Infogauda / Tui

 A concesión dunha nova achega de fondos europeos vén de consolidar ao Concello de Tui como referente en Galicia e en España na captación de recursos da UE. O Concello de Tui vén de recibir a comunicación da resolución provisional do Ministerio de Hacienda de 4.365.152 euros procedentes dos fondos europeos FEDER, destinada ao desenvolvemento do Plan EDIL. Esta achega permitirá mobilizar un investimento global de 7.275.253 € que transformarán o municipio e mellorarán ás infraestruturas das parroquias.  

 O Concello de Tui constituíu co de Salvaterra de Miño unha Área Funcional, sumando así máis de 20 mil habitantes, para poder concorrer a esta convocatoria. O proxecto presentado conxuntamente por estes dous municipios está  entre os 26 galegos que foron seleccionados nunha convocatoria altamente competitiva na que figuran as sete grandes cidades de Galicia e outros municipios de referencia.  

 O alcalde e o equipo de goberno destacan que esta importante subvención é froito do traballo constante de planificación, xestión e defensa dos intereses da cidade en Bruxelas e Madrid, consolidando a capacidade de Tui para captar recursos europeos en beneficio da veciñanza. Neste senso o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirma que  “o nivel de xestión deste goberno municipal sigue sendo altamente positivo e así o reflicten as cifras”.  

 O río Miño é o eixo vertebrador deste proxecto, presentado conxuntamente co concello de Salvaterra, e que no caso tudenses contempla unha serie de actuación nas parroquias ribeirás de Areas, Baldráns, Paramos, e Caldelas co obxectivo de levar a cabo a recuperación de elementos patrimoniais, adecuar  zonas verdes, e actuar no ámbito da mobilidade, sostibilidade urbana, a rexeneración de espazos públicos, e a cohesión social, aliñadas cos obxectivos da Unión Europea e orientados a construír unha cidade máis moderna, habitable e inclusiva.  

 Precisa amais Enrique Cabaleiro, que aínda que o marco temporal para desenvolver as actuacións é de catro anos no caso de Tui ao contar coa case totalidade dos proxectos proxectos redactados e viabilizados poderían licitarse xa unha vez se transfiran os fondos.  

 Explicaba tamén o alcalde de Tui que nos dous últimos mandatos o Concello de Tui ten acadado preto de 15 millóns de euros de fondos europeos a través de distintos programas, moitos de carácter trasfronteirizo.  O mandatario municipal afirma que “o Concello de Tui senón é o único, si que podería ser un dos poucos concellos de menos de 20 mil habitantes que máis fondos europeos leva acadado de toda España” o que sinala que “é unha noticia sumamente importante da que nos debemos sentir todos moi orgullosos”.   

 Con esta adxudicación, Tui consolida a súa posición como un concello exemplo de xestión eficaz e visión de futuro, reafirmando o seu compromiso de seguir traballando na captación de fondos europeos e estatais para garantir o progreso da cidade sen sobrecargar os recursos municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario